DEPORTE

Un total de 480 persoas participará esta fin de semana en Santiago no III Jamboree Nacional Minibasket de Clubs

21/06/2016 O concelleiro de Deporte, Rafael Peña, presentou esta mañá a II edición do Jamboree Nacional Minibasket de Clubs, que se celebrará do 23 ao 26 de xuño nos pavillóns do Restollal e Monte dos Postes. Na rolda estivo acompañado do presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, e da secretaria da entidade, Susana Fernández.

Rafael Peña amosouse "moi satisfeito de colaborar na celebración dun evento destas características, no que se darán cita no noso concello arredor de 480 participantes procedentes de diversos puntos do Estado". En total haberá 32 equipos, 16 masculinos e 16 femininos, que viaxarán a Compostela dende Melilla, Navarra, Castela e León, Asturias, Andalucía e a propia Galicia.

Ademais, o concelleiro de Deporte quixo "desexarlle sorte aos equipos composteláns que participan", como é o caso do Rosalía e do Peleteiro. A competición celebra a súa terceira edición consecutiva, todas elas con Compostela como escenario e na mesma reúnense os mellores equipos de categoría minibasket (11 anos de idade) de varias federacións autonómicas.

Deporte de base
O obxectivo deste tipo de eventos é promocionar o deporte de base, "piar fundamental para este Concello que de seguro compartimos coa Federación Galega de Baloncesto".

Entendido coma un campionato oficioso en categoría minibasket, o calendario oficial ofrecerá catro días de competición (do 23 ao 26 de xuño), nos pavillóns do Restollal e do Monte dos Postes. Haberá dúas quendas, de mañá e de tarde, as tres primeiras xornadas, e pola mañá o domingo 26, cando se disputarán os partidos decisorios.

Na edición de 2015 houbo gañadores de Santiago. Na categoría masculina o club Rosalía Fedesa e, na feminina, o Pío XII.

Compartir: