ACCIÓN CULTURAL

Acción Cultural colabora coa quinta edición de TerraZeando. Ciclo de concertos ao fresco

17/06/2016 O ciclo TerraZeando cumpre este verán cinco anos mantendo a súa intención de encher de música algunhas das terrazas e espazos máis singulares de Compostela e A Coruña, cidade onde tamén se celebra. E nesta edición conta coa colaboración do Concello de Santiago. Así, presentárono esta mañá a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e Álvaro Álvarez, secretario da asociación Desconcierto Cultural, organizadora do ciclo. En Compostela celebrarase do 30 de xuño ao 24 agosto, cun total de cinco concertos que serán de balde e en espazos singulares da cidade.

En Compostela contaremos coa sofisticación dos británicos Ultimate Painting e a fereza dos galegos El Monstruo o día da inauguración, o 30 de xuño, no parque Eugenio Granell, nunha actividade na que participan o Resas, o bar do propio parque, e despois haberá unha sesión de música con Isaac Torgal. O seguinte concerto será o 13 de xullo na terraza do Hotel Costa Vella onde poderemos escoitar as sonoridades mediterráneas de Alberto Montero. Continuamos o 18 de xullo coa garra dos americanos The Shivas, nesta ocasión na terraza do Bar Olvido, para seguir o 10 de agosto na terraza do Bar Sendeiro, onde gozaremos do eclecticismo de Remate. Pechamos o ciclo en Compostela nun espazo aínda por determinar no que poderemos terrazear ao son da fresca desenvoltura de Los Wallas o 24 de agosto.

O ciclo, organizado por Desconcierto Cultural, pretende aproveitar lugares especiais que raramente son empregados na música en directo. Espazos que por si mesmos son capaces de amplificar as emocións e sensacións xeradas por un concerto, dando a lugar esta combinación a noites inesquecibles. Como en edicións anteriores, os concertos serán gratuítos, sendo isto posible grazas ao traballo desinteresado dos socios de Desconcierto Cultural e ao apoio do Concello de Santiago; así como dos patrocinadores: SON Estrella Galicia, Vermú Lodeiros e Grupo Reboreda Morgadío; dos colaboradores: Hotel Costa Vella, Restaurante Resas e MasGalicia; e por suposto, dos titulares dos espazos nos que se celebran os concertos.

Desconcierto Cultural
Desconcierto Cultural é unha asociación cultural, sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico, con preto de 180 socios espallados por Galicia e o mundo adiante. Nacida en 2010, a Asociación é responsable de distintas iniciativas que tratan de dinamizar a escena musical galega, tanto apoiando a bandas autóctonas na difusión dos seus proxectos, como acercando a Galicia propostas estatais e internacionais ás que non é doado acceder a través das canles convencionais. Deste xeito, a Asociación, ao longo dos seus 6 anos de traxectoria ten desenvolvido proxectos coma os festivais CortaPega, Primos Hermanos ou a Romaría Pop; os ciclos TerraZeando, Placeres Ocultos ou Recreios, ademais de outras iniciativas, coma o Samaín Rock, ou participar no Record Store Day gravando un disco con cinco bandas galegas.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: