XUNTA DE GOBERNO

O Concello reparará o Estadio de San Lázaro grazas a un acordo coa FGF

17/06/2016 O Concello vai reparar o Estadio de San Lázaro, grazas a un acordo coa Federación Galega de Fútbol que hoxe recibiu o visto bo da Xunta de Goberno. A entidade asumirá o custo das obras, estimado en 763.000 euros, como contraprestación pola concesión demanial sobre un dos locais do Estadio, que utilizará para establecer en Compostela o núcleo principal da súa actividade federativa. O alcalde salientou a importancia deste acordo, que permitirá solucionar problemas estruturais moi importantes nesta infraestrutura deportiva.

Martiño Noriega explicou que a Federación Galega de Fútbol ocupará, por un prazo de 50 anos, o denominado Local C do Estadio de San Lázaro. Trátase dun espazo de 1.500 metros cadrados, onde tivo as súas dependencias a Secretaría Xeral de Deporte da Xunta. Ademais de facerse cargo das obras de mellora do estadio, a Federación Galega de Fútbol aboaralle ao Concello un pago anual de 3.750 euros por esta concesión.

Subvencións
A proposta da concelleira delegada de Acción Cultural, a Xunta de Goberno acordou hoxe a concesión de varias subvencións nominativas. Así, a Fundación Rosalía de Castro recibirá 3.825 euros; a Asociación Cultural Rocha Forte, 3.000 euros; o Curso Universitario Internacional Música en Compostela, 3.825 euros; e a Asociación Cultural Musical Solfa percibirá unha achega de 3.000 euros.

Na reunión desta mañá tamén se aprobaron as bases da convocatoria pública de subvencións para a instalación de carpas en eventos veciñais, e para a realización de actividades en apoio das festas patronais. En total, destinaranse a estas axudas 36.000 euros.

Aínda en materia de subvencións, hoxe tamén se aprobaron as bases reguladoras da convocatoria de subvencións para actividades de promoción e dinamización comercial. Concederanse axudas por un importe total de 50.000 euros. Ademais, a Xunta de Goberno deu conta da aceptación dunha subvención para a execución de accións formativas para persoas desempregadas. A axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria ascende a 160.846,50 euros e permitirá poñer en marcha tres cursos de "Organización de proxectos de instalación solar térmica", "Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas", e "Montaxe e mantemento de redes de auga".

Por último, a Xunta de Goberno acordou requirirlle a Valoriza, concesionaria do servizo de axuda no fogar, o calendario de execución das melloras contempladas no contrato. A empresa terá un prazo de dez días hábiles para presentar esa documentación. Entre as melloras previstas no contrato figuraban servizos complementarios como perruquería ou podoloxía, así como a posibilidade de efectuar dous ingresos en residencia anuais.

Documentos relacionados



Compartir: