PLENO

O Pleno da Corporación aproba a ordenanza Compostela +, que inclúe a Renda Municipal de Garantía Básica cidadá

16/06/2016 O Pleno da Corporación aprobou inicialmente, cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG e a abstención do PP, a nova ordenanza Compostela +, impulsada polo Goberno local e aprobada en Xunta de Goberno o pasado venres 3 de xuño.

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, explicou que esta ordenanza substitúe a Santiago Suma, inexecutable a pesar de que "a nosa primeira intención foi aplicala sen dilación, aínda que a considerábamos moi mellorable. Tiñamos claro que era o instrumento co que contabamos para poder abordar as situacións de emerxencia social e de pobreza no noso Concello. Fora feita para chegar a aquelas situacións onde non chegaban as prestacións autonómicas, claramente insuficientes".

Compostela + é unha ordenanza que muda o enfoque e o marco normativo para introducila na Lei de Servizos Sociais de Galicia e non na Lei de Subvencións. Ademais, segundo explicou Concha Fernández, "incrementamos ao investimento económico até 1,2 millóns de euros previstos nos orzamentos de 2016 porque queremos atender a máis veciños e veciñas, evitando que ninguén quede fóra, e atendelas mellor, cos recursos precisos para cubrir as necesidades básicas".

Compostela + incorpora dúas novidades importantes, como son a cobertura das persoas migrantes en situación irregular e a duración da Renda Básica que é de 12 meses prorrogables a 24, previo informe favorable dos servizos sociais municipais.

Renda Municipal de Garantía Básica
Trátase dunha prestación económica extraordinaria e temporal que está vencellada a un itinerario de inclusión cidadá, prevista para persoas en situación de vulnerabilidade social ou en situación ou risco de exclusión social.

O obxectivo pasa porque cada persoa poida facer real e efectivo o seu dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios. Poden acceder a ela as persoas maiores de 18 anos, empadroadas en Santiago e que se atopen en situación de vulnerabilidade social.

Establécese o acceso no 100% do IPREM para o ano en vigor e increméntanse as contías con respecto ao Santiago Suma, de tal forma que as contías a percibir irán dos 523,51 euros ata os 798,58 no tocante dos 399,38 aos 697,58 do Santiago Suma.

Tamén se incrementa a duración da renda, sendo de 12 meses prorrogables a 24 segundo informe de servizos sociais.

Prestacións de rescate social
Son un conxunto de prestacións económicas de carácter extraordinario e puntual, subsidiarias e complementarias dos servizos sociais previstos na lexislación vixente, destinadas a atender situacións de urxencia sobrevidas que afecten a persoas ou unidades de convivencia que non poidan facer fronte a necesidades básicas. Para este caso tamén se modifican os requisitos de acceso, reducindo a tres meses o tempo mínimo de empadroamento e simplificando a xestión.

Compostela + recolle cinco tipos de prestacións. Por un lado, prestacións para a cobertura de necesidades básicas como alimentación diaria, vestido, aloxamento e habitación, coidados básicos, etc ata un máximo de 399,38 euros cubrindo o 75% do alugueiro como máximo ou o 100% no caso de non existir ningñun outro recurso.

Outras son as prestacións de habitabilidade e pobreza enerxética e equipamento básico de vivenda, que inclúe débedas por subministro de luz ou gas, débedas da comunidade de propietarios, por endebedamento previo… As contías tamén se elevan en relación ao Santiago Suma, indo dende os 532,51 aos 1065,02 euros.

O terceiro tipo de prestacións son as prestacións complementarias ás dependencias ou discapacidades, que son gastos asociados ás axudas técnicas que precise unha persoa en situación de dependencia ou con discapacidade valorada pola administración competente. Excepcionalmente, outorgaranse tamén axudas para próteses oculares ou auditivas por problema sanitario e non estético, dignosticadas por facultativo do sistema público de saúde. As contías pasan dos 655 euros do Santiago Suma aos 931 desta nova ordenanza.

Ademais incorpóranse dúas novas prestacións, a de fomento do dereito á educación para estudos postobrigatorios, onde se cubren gastos de manutención, transporte, etc., e as prestacións para saúde bucodental. Dentro destas últimas entrarían limpezas, empastes, endodoncias…

A ordenanza Compostela + é o resultado de moitos meses de traballo", segundo apuntou Concha Fernández, quen recoñeceu "sentirse orgullosa de poder sacala adiante". En todo caso a aprobación definitiva dependerá do apoio do resto de grupos da corporación no pleno do mes de xullo.

Compartir: