CONVIVENCIA

A Policía Local rexistrou 20 positivos nos controis de alcoholemia da última semana

16/06/2016 A Policía Local de Compostela colaborou na pasada semana na campaña de control da taxa de alcoholemia e drogas impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico. Ao seu abeiro, realizáronse 1.046 probas, das que 20 foron positivas (o 1,91%) e 1.026 negativas. Das probas positivas, 16 traduciranse nunha denuncia administrativa.

Dos positivos rexistrados, o 95% foron en homes, e o 5% en mulleres. Por tramos de idade, o 40% dos positivos foron en condutores de entre 18 e 29 anos, e o 25% rexistráronse no tramo de 30 a 39 anos. Na franxa de idade de 40 a 49 anos contabilizouse o 15% dos positivos, idéntica porcentaxe a do tramo de 50 a 59 anos. O 5% dos positivos foi en condutores de entre 60 e 69 anos.

Probas de drogas
Na campaña impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico tamén se realizaron controis de drogas. Foron en total 21, dos que cinco resultaron positivos (23,81%). En todos os caos eran homes e a maioría, o 60%, de entre 18 e 29 anos.

A Policía Local lembra que conducir cunha taxa de alcohol de 0,25 a 0,50 mg/l supón unha multa de 500 euros e a perda de catro puntos do carné de conducir. Se a taxa se sitúa entre 0,50 e 0,60 mg/l, a sanción económica elévase a mil euros, e pérdense seis puntos do carné. Tamén se podería considerar unha infracción penal, se se considera que o consumo lle ten afectado á condución.

O exercicio da condución ten que realizarse sempre nas mellores condicións para evitar situacións de risco. Por iso, a única taxa segura é 0,0%. O Corpo pídelle aos condutores que sexan prudentes ao volante, e que impidan que outras persoas que beberan collan o coche. O alcohol non só está relacionado cunha maior accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade porque é un factor relacionado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

Compartir: