ACCIÓN CULTURAL

Santiago celebrará o Día Europeo da Música da man dos Premios Martín Códax da Música

16/06/2016 Este ano, o Concello de Santiago reedita a súa alianza cos Premios Martín Códax da Música para celebrar a gran cita musical europea cos mellores proxectos musicais do ano. O martes 21 de xuño, en Compostela encheranse as rúas de música. Música para cantar, para bailar, para escoitar e para dar que falar.

A programación desta xornada principiará ao mediodía cunha sesión vermú ás 14:00 horas na Praza de Abastos a cargo do grupo De Vacas, gañadoras na categoría de Coros e Grupos Vocais. Pola tarde, a partir das 19:30 horas na praciña da Oliveira, realizarase un coloquio moderado por Aitana Cuétara, da xunta directiva de MAV (Músicos ao Vivo), arredor dos temas que interesan e preocupan ao sector musical. Patricia Hermida, de MMF Spain (Music Managers Forum Spain), e Xurxo Piñeiro, de MAV, falarán sobre a nova Lei de Espectáculos; Xacobe Martínez Antelo, de MAV Compostela, guiará o debate sobre a situación da música ao vivo en Compostela; e por último, as xornalistas Rocío Castro, de Sermos Galiza, Pilar García Rego, da TVG, Belén Regueira, da Radio Galega, e Germám Hermida, de culturagalega.org, revisarán o tratamento que recibe a música galega nos medios de comunicación.

Esta será unha sesión aberta a todo o sector, na que contaremos coa participación dos Premios Organistrum: "O Feito a Man", "A Arca da Noe" e "Ábretedeorellas", mellor festival, mellor sala, e mellor espazo de comunicación musical, respectivamente, nesta edición do certame. Tamén nos acompañarán representantes de AIE, Compostela Territorio Musical, MAV Coruña, MAV Jazz, CLUBTURA (Asociación Galega de Salas de Música ao vivo), o Master en Industria Musical da Universidade de Santiago de Compostela, o grupo de cultura de Compostela Aberta, ASEVEGA (Asociación de Empresarios da Verbena Galega), programadores, xornalistas culturais e propietarios de salas.

E pola noite, ás 22:00 horas na praza da Quintana, concerto de Foxy Freire e, a continuación, sesión de Croma, gañadores nas categorías de rock e electrónica, respectivamente. Así comeza o Festival Martín Códax da Música ao Vivo, que este ano transfórmase nunha cita en continuidade e itinerancia, que se vai estender ao longo de todo o ano e se vai espallar por diversas vilas.

De Vacas
De Vacas é un cuarteto musical composto por unha guitarra e tres voces: a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia ou o que é o mesmo, Inés Salvado, Faia Díaz e Paula romero, integrantes entre outras formación do coro Encaixe (gañador do concurso Oh Happy Day da TVG) e Guillerme Fernández (guitarrista de Berrogüetto ou aCadaCanto). Fan versión de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Detrás de cada canción mala hai un corazón que queren reivindicar. Dende as Spice Girls ata o Gangam style, pasando por Enrique Iglesias ou Michel Teló… temazos que marcaron as tardes de domingo na discoteca e que rescatan para nós nun formato fresco e divertido co que emocionarse e rir a partes iguais.

Foxy Freire
Foxy Freire nútrese do rock de finais dos 60 e comezos dos 70. Están influenciados por bandas como MC5, The Doors, Jimi Hendrix, Led Zeppelin, Black Sabbath, Blue Cheer, Leaf Hound, Cream e Grand Funk Railroad, entre outras moitas. Levan xa case seis anos refregándose polos escenarios das mellores salas galegas e do norte de Portugal, ofrecendo un espectáculo cheo de enerxía e rock and roll, e veñen de editar no pasado 2015 o seu primeiro LP, Mongoose Tree. Integran o proxecto: Virxilio da Silva (guitarra e voz), Fernando Sánchez (guitarra), Paco Charlín (baixo) e Max Gómez (batería).

Croma
Croma é o proxecto de música electrónica de Alfredo García (Ordes, A Coruña, 1979). Croma editou a súa música cos selos Brain Washer Records (Francia), MMAN Records (Austria), Metalectro (UK), On Your Mind Records (España), entre outros. O seu directo caracterízase por unha enerxética posta en escena e actitude no escenario para ofrecernos o electro mais bailable e contundente.

Compartir: