ESPAZOS CIDADÁNS E ACCIÓN CULTURAL

Reabre a Casa da Xuventude convertida nun espazo autoxestionado pola cidadanía

16/06/2016 Os concelleiros de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, e de Acción Cultural, Branca Novoneyra, deron conta esta mañá da nova etapa que afronta a Casa da Xuventude, e na que colaboran os dous departamentos municipais. O inmoble, rebautizado provisionalmente como Matadoiro de Compostela, converterase nun espazo autoxestionado para ser usado por asociacións de todo tipo, seguindo a fórmula de La Tabacalera de Madrid.

A intención do Goberno municipal é que, a partir do uso, os colectivos fagan as súas achegas cara ás próximas obras de reforma do edificio. Este período "de probas" estenderase ata mediados de outubro, e a partir de aí convocarase un concurso arquitectónico para mellorar a imaxe da Casa da Xuventude e solucionar a conexión da praza do Matadoiro con Belvís, sempre tendo en conta as propostas das asociacións que utilicen o inmoble nos próximos meses.

A concelleira de Acción Cultural incidiu na necesidade de "definir novos modos de pensar os equipamentos culturais da cidade, nos que o Concello sexa facilitador dos procesos que articule a veciñanza". Branca Novoneyra sinalou que o Matadoiro de Compostela servirá de "proxecto piloto deste modelo innovador no que a institución non se encarga de encher a programación dos espazos, senón que se limita a cubrir as necesidades básicas dos colectivos que a articulan, demostrando que a autoxestión non equivale ao caos".

Seguindo modelos que están tendo éxito noutros puntos do Estado, o obxectivo é que todo tipo de colectivos utilicen a Casa da Xuventude para celebrar asembleas, cursos de formación ou calquera iniciativa que consideren de interese, autoorganizando o calendario de uso e mesmo "facéndose cargo das chaves do espazo". O Concello colaborará a través de tres mediadores culturais que xa están traballando no Matadoiro de Compostela, grazas a un acordo coa Universidade de Santiago.

Convocatoria
Ademais das actividades máis ou menos puntuais que se desenvolvan no edificio, vaise abrir unha convocatoria na que se elixirán cinco proxectos "residentes" no Matadoiro de Compostela, e que teñan que ver co desenvolvemento local, a innovación social, as artes e a cultura. As propostas elixidas deberán manter diálogo coa veciñanza e coas asociacións de barrio. Por último, nas próximas semanas continuarán as visitas guiadas polo edificio e os talleres para repensar a Casa da Xuventude.

Todo o proceso será transparentado a través da páxina web www.matadoirocompostela.com, onde xa se poden coñecer os pasos que se foron dando ata a apertura da casa.

Visitas guiadas
O concelleiro de Espazos Cidadáns insistiu en que "a Casa da Xuventude é un símbolo para este Goberno, que defendeu primeiro na rúa a recuperación do inmoble e o poder de decisión da cidadanía sobre o seu uso". Jorge Duarte sinalou que as visitas guiadas que comezaron onte, despois dun primeiro acondicionamento do edificio, teñen como obxectivo "que a veciñanza coñeza de verdade o Matadoiro de Compostela e vexa as súas potencialidades para despois utilizala".

O edil reiterou que estes meses de "ocupación" por parte dos distintos colectivos permitirá coñecer "cales son as verdadeiras demandas ao redor do edificio, para despois integralas no concurso de arquitectura que se convocará de cara ao mes de outubro". Nese proceso, as propostas deberán resolver a integración urbana da Casa da Xuventude, a súa conexión co parque de Belvís, mellorar a imaxe da praza do Matadoiro e acondicionar o edificio para o uso que se considere o máis acaído despois destes meses. Duarte sinalou que o obxectivo do Goberno municipal é que as obras comecen en 2017.

Direccións relacionadas



Compartir: