ACCIÓN CULTURAL

O crítico cinematográfico Jonathan Rosenbaum visitará Galicia por primeira vez da man do festival Curtocircuíto

16/06/2016 O lendario crítico de cinema Jonathan Rosenbaum, será un dos principais convidados da 13ª edición de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine, que terá lugar en Santiago de Compostela entre os días 3 e 9 de outubro de 2016.

O crítico norteamericano vén de visitar España por primeira vez para asistir ao festival Filmadrid. A súa presenza en Curtocircuíto é froito da estreita colaboración que manteñen ambos os dous festivais e que ten como obxecto reivindicar en España a figura dun dos maiores defensores do cine europeo nos EUA.

Rosenbaum será membro do xurado da Sección Oficial de Curtocircuíto e impartirá un seminario titulado "El Cine Imposible", que estará dedicado a películas que dunha forma ou outra excedan -polo menos resistan- os límites convencionais do cinema en termos de duración, tema, estilo, forma, xénero e actitude.

As palestras dedicadas a cada película tratarán de establecer un contexto histórico a través da análise que se fará tanto en termos sociais como estéticos. O seminario impartirase ao longo de catro xornadas no CGAC, o Centro Galego de Arte Contemporánea. O curso, que contará aproximadamente con 30 prazas, abrirá o seu prazo de inscrición o próximo mes de xullo.

Ao longo dos próximo meses, o festival Curtocircuíto, que o ano pasado contou con figuras históricas da talla de Jørgen Leth ou de Aki Kaurismäki, irá dando a coñecer a súa programación tanto cinematográfica como musical e formativa.

Jonathan Rosenbaum (1943) foi o principal crítico do Chicago Reader entre 1987 e 2008. Publicou numerosos libros como Movie Mutations (coordinado con Adrian Martin ), Goodbye Cinema, Hello Cinephilia ou Essential Cinema, e escribiu nas revistas especializadas máis destacadas do mundo: Cinema Scope, Cahiers du cinéma e Film Comment. Ademais, é profesor na Universidade de Chicago e na FilmFactory de Saraxevo.

Compartir: