TURISMO

Turismo de Santiago aposta polas Festas de San Xoán como atractivo turístico

16/06/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou un novo programa municipal para potenciar o atractivo turístico das Festas de San Xoán en Santiago. Estivo acompañada pola presidenta da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos, que colabora no proxecto, e pola xerente en funcións de Turismo de Santiago, Yolanda Ferro.

Segundo explicou Marta Lois, o Concello, a través de Turismo de Santiago, quere poñer en valor a celebración das Festas de San Xoán e aproveitar a gran tradición que teñen na cidade, con multitude de cacharelas por todo o termo municipal e unha implicación veciñal moi importante, e potenciar o seu atractivo turístico, tanto para o mercado doméstico coma internacional.

O evento arrancará a tarde do xoves 23, completando a programación que artellarán para o Día de San Xoán os distintos colectivos, barrios e asociacións da cidade, enriquecéndoa con accións que se prolongarán ata o sábado 25 para festexar a chegada dos días máis longos do ano.

A praza de Mazarelos será o punto central do evento. Na praza instalarase un mercado tradicional, unha área gastronómica para desfrutar dos produtos típicos desta arraigada festa, e celebraranse actividades e obradoiros interxeracionais para a posta en valor dos ritos e tradicións de San Xoán.

Entre as actividades haberá rutas guiadas para a recollida de herbas de San Xoán, organizadas en colaboración co CIAC; obradoiros de botánica, de coroas florais, vasoiras de xesta, cestería, baile e colocación de pano tradicional; contacontos sobre mitos e lendas, música, queimadas con conxuro...

Ademais, na noite do 23, o tren turístico circulará de balde para fomentar a mobilidade, tanto da veciñanza de Santiago como de turistas e visitantes, que así poderán transitar a diferentes cacharelas da cidade. O tren turístico fará un circuíto circular que sairá do CGAC ás horas e media, con distintas paradas que estarán sinalizadas para a ocasión. O tren circulará entre as 19:30 e as 00:30horas.

Finalmente, a iniciativa reunirá a información sobre o significado dos ritos de San Xoán, así como o conxunto de actividades promovidas por asociacións, barrios e colectivos para aumentar a visibilidade e difusión das distintas accións. Toda a información pode consultarse en www.santiagoturismo.com.

O novo programa das Festas de San Xoán está promovido polo Concello de Santiago e a súa entidade de promoción turística, Turismo de Santiago. Conta coa colaboración, entre outros, da Asociación de Hostalería Compostela, así como da Xunta de Galicia e Área Santiago.

Compartir: