IGUALDADE

Marta Lois asistiu á apertura das xornadas "Mulleres universitarias e empresarias. Mulleres que coa ciencia crean empresas"

15/06/2016 A concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, participou esta mañá na inauguración das Xornadas Formativas de Verán "Mulleres universitarias e empresarias. Mulleres que coa ciencia crean empresas", xunto ao reitor da USC, Juan Viaño; o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; e a directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, Rosa Urbón.

Estas Xornadas, organizadas pola Universidade de Santiago e o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, tratan a relación entre ciencia, xénero e emprendemento universitario. Serán tres días de debate sobre igualdade e transversalidade de xénero na ciencia, creación de empresas de base tecnolóxica, emprendemento da xuventude ou presenza de mulleres nas grandes empresas. Haberá así mesmo obradoiros dirixidos a mulleres que están afrontando algunha das fases do proceso emprendedor, e presentarase o proxecto ENRED8.3 para axudar ao desenvolvemento e consolidación do tecido industrial impulsado para mulleres.

Nas xornadas participarán, por unha banda, científicas que aludirán á igualdade e á transversalidade de xénero na investigación e como ten repercutido na definición dunha ciencia sesgada, para homes e mulleres. Por outra, partindo do sesgo androcéntrico do emprendemento, o programa proporá traballar obradoiros prácticos de creación de empresas que xorden do coñecemento, coa particularidade das spin-off académicas promovidas por mulleres.

Presentaranse ademais o programa específico de amadriñamento no que mulleres expertas se prestan a facer labores de mentoría a emprendedoras afilladas coa meta común de conseguir empresas de valor, responsables e consolidadas no tempo.

Compartir: