ACCIÓN CULTURAL

Novo ciclo de Acción Cultural coa proxección de óperas do Festival Aix-en-Provence

15/06/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e a directora-xerente en funcións do Auditorio de Galicia, Silvia Modia, presentaron esta mañá un novo ciclo que recolle a proxección de óperas gravadas no Festival Aix-en-Provence. O ciclo desenvolverase na Sala Mozart do Auditorio de Galicia os martes dende o 21 de xuño ao 19 de xullo, ás 20:00 horas e con entrada libre ata completar aforo.

Esta proposta faise en colaboración con este Festival, Arte, a Fondation Orange e o Institut Français e vén fortalecer o desexo do Departamento de aumentar a ópera na súa programación. En total, poderán verse cinco óperas: tres que xa foron gravadas en pasadas edicións do Festival e dúas que aínda se gravarán na edición deste ano que se celebra do 30 de xuño ao 20 de xullo.

A programación comeza o martes que vén, 21 de xuño, que ademais é o Día Europeo da Música, coa proxección de A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart, Singspiel en dous actos á que lle pon música a Freiburger Barockorchester co coro English Voices e tres nenos do Coro de Nenos da Academia Coral de Dortmund, dirixidos por Pablo Heras-Casado. Gravouse no Festival en 2014, ten unha duración de 3 horas e 15 minutos (descanso incluído) e leva os subtítulos en español.

O martes 28 poderemos ver A Traviata, de Giuseppe Verdi, ópera en tres actos segundo A dama das camelias, de Alexandre Dumas, fillo. Gravouse no Gestival na edición do 2011 en coprodución coa Wiener Staatsoper e a Ópera de Dijon, o Théâtre de Caen como coprodutor asociado e a colaboración do Departamento de Hauts-de-Seine e o Musée Albert-Kahn. Con música da London Symphony Orchestra baixo a dirección de Louis Langrée, dura 2 h e 40 min (descanso incluído) e tamén ten subtítulos en español.

O martes 5 de xullo poderemos ver a última das óperas con subtítulos en español. Nesta ocasión trátase de O Reiseñor, de Igor Stravinski, conto lírico en tres actos con libreto de Stravinski e Stephan Mitousov segundo Hans Christian Andersen. Foi estreada no Festival no ano 2010 en colaboración con ExMachina e en coprodución coa Canadian Opera Company, (Toronto), Ópera National de Lyon e De Nederlandse Ópera (Amsterdam). Dirixida por Kazushi Ono, conta coa música da Orquestra e do Coro da Ópera Nacional de Lyon. A duración é de 2 h e 10 min (descanso incluído).

As óperas que poderemos ver os días 12 e 19 de xullo non levarán os subtítulos en español, senón en francés, por unha cuestión de falta de tempo, xa que se gravarán na edición do Festival deste mesmo ano. Poderán verse en Aix-en-Provence entre o 30 de xuño e o 19 de xullo e os días 12 e 19 na nosa cidade.

O martes 12 será Cosí fan tutte, de Wolfgang Amadeus Mozart, ópera bufa en dous actos don libreto de Lorenzo da Ponte. Trátase, como diciamos, dunha produción deste ano do Festival en coprodución coa Ópera de Lille, Korea National Opera e Edinburgh International Festival. Será coa Freiburguer Barockorchester e o Cape Town Opera Chorus, cunha duración de 3 h e 30 minutos (descanso incluído).

O ciclo pecharase o martes 19 de xullo con Pélleas e Mélisande, de Claude Debussy, drama lírico en cinco actos e 12 cadros, no que escoitaremos, baixo a dirección de Esa-Pekka Salonen, á Philarmonia Orchestra co Cape Town Opera Chorus. Tamén se trata dunha nova produción da edición de 2016 do Festival en coprodución co Teater Wielki-Opera Narodowa/Polish National Opera e o Beijing Music Festival. Conta co apoio da Fundación Meyer para o desenvolvemento cultural e artístico e durará 3 h e 30 min (descanso incluído).

Documentos relacionados



Compartir: