EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Concellaría de Educación e Cidadanía celebra o Día Europeo da Música con actividades e concertos nas prazas da cidade

15/06/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá a programación elaborada polo Departamento de Educación e Cidadanía para conmemorar o Día Europeo da Música. Manuel Dios estivo acompañado na rolda da concelleira de Cultura e Xuventude de Rianxo, Raquel García; do concelleiro do ramo de Vedra, Enrique Vázquez; e do director da Escola Municipal de Música da Coruña, José Antonio Acuña.

O obxectivo desta iniciativa é promocionar a música a través de accións diversas: coa presenza dos músicos afeccionados tocando nas rúas; coa organización de concertos gratuítos de todos os estilos, dando a coñecer o traballo das institucións musicais de cada cidade; ou acollendo a expresión musical de colectivos e cidadáns de calquera orixe. En definitiva, unha oportunidade e un instrumento acaído en prol do compromiso e da solidariedade entre as persoas.

O Concello de Santiago, a través do Departamento de Educación e Cidadanía, en colaboración nesta edición cos Concellos de Vedra, Rianxo e A Coruña, súmase a esta iniciativa coa realización dun acto institucional e concertos. Un evento no que músicos de todo tipo (profesionais, afeccionados, estudantes) actuarán nas rúas de Compostela este sábado, 18 de xuño.

Concertos
A praza do Toural acollerá ás 12:30 horas o concerto da Orquestra de Iniciación da Escola Municipal de Música de Santiago. Ás 19:00 horas, na praza do Toural, actuará tamén a EMM de Santiago e, na praza das Praterías, á mesma hora, a Escola Municipal de Música de Santa Cruz de Rivadulla, de Vedra.

Porta Faxeira e a praza de Cervantes acollen ás 19:00 horas aos Gaiteiros "Río de Anxo", do Concello de Rianxo, que "traen a Santiago a tradición da rianxeira para celebrar este especial e importante día", en palabras da concelleira de Cultura da localidade, Raquel García.

O acto de clausura terá lugar ás 21:00 horas na praza das Praterías, poñendo fin ao 2º Encontro de Escolas Municipais de Música coa interpretación do Himno da Alegría e do Himno Galego. Participarán todas as agrupacións. Tamén haberá solta de pombas polo Club Colombófilo "Alas Composteláns" e un concerto de Jazz da EMM da Coruña.

Compartir: