ALCALDÍA

Asinado o convenio marco para o desenvolvemento da estación intermodal

15/06/2016 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto de sinatura do Convenio marco de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta, o Concello de Santiago e Adif para o desenvolvemento da futura estación intermodal de Compostela e o seu contorno urbano. O texto ten como obxectivo establecer o marco xeral, as pautas e a metodoloxía que deben regular as relacións entre as distintas administracións para a execución da nova infraestrutura. O convenio foi asinado pola ministra de Fomento, Ana Pastor; as conselleiras de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; o alcalde compostelán, Martiño Noriega; e o presidente de ADIF, Gonzalo Ferre.

A ministra de Fomento cualificou o convenio marco de "acordo histórico para Santiago" e gabou o traballo feito polas tres administracións nos últimos meses para garantir que "a capital de Galicia teña a mellor mobilidade". Ana Pastor reivindicou que "o asinado hoxe non é un protocolo, é un acordo que garante a intermodalidade", e amosouse convencida de que "Compostela se converte hoxe nun exemplo a seguir para toda España, demostrando que podemos ter infraestruturas potentísimas sen precisar obras faraónicas, porque cando se prometeron obras faraónicas non se fixo nada". Nese sentido, a ministra explicou que o convenio sinala que as obras da nova estación de tren comezarán cando se acaden os tres millóns e medio de pasaxeiros "porque así o recomendaron os técnicos", e insistiu en que se segue traballando e non se descarta ir recollendo melloras para o texto asinado hoxe.

Tamén a conselleira de Infraestruturas e Vivenda defendeu que o convenio asinado hoxe garante "a estación intermodal que precisan Santiago e Galicia, e ademais cunha óptima integración urbana". Ethel Vázquez defendeu o traballo conxunto das distintas administracións, e animou "a seguir unindo esforzos para garantir que o proxecto sexa un éxito".

Na mesma liña, o alcalde de Santiago agradeceu "a boa vontade e os esforzos demostrados pola Xunta e o Ministerio de Fomento para sacar adiante este acordo". Martiño Noriega insitiu en que "hoxe é un día moi importante para a cidade, porque se garante un horizonte para unha infraestrutura básica, que vai solucionar os problemas ferroviarios pero tamén a conexión do Ensanche coa Pontepedriña".

Convenio marco
O convenio marco asinado hoxe sinala como obxectivos dotar á estación de Santiago das condicións necesarias para a chegada do tren de alta velocidade, executar unha estación intermodal que permita que os usuarios combinen diferentes modos de transporte público dunha maneira rápida e eficiente, e crear unha conexión peonil entre os barrios do Ensanche e Pontepedriña. Ademais, fixa os compromisos de cada administración para o desenvolvemento do proxecto.

Así, o texto determina que o Concello de Santiago terá que redactar o Plan Especial do ámbito da infraestrutura e obter os solos necesarios para a construción da nova estación de autobuses, a remodelación do viario Clara Campoamor e para as actuacións de mellora da conexión peonil. Tamén se fixa como responsabilidade municipal a redacción do proxecto de remodelación do viario Clara Campoamor, e o financiamento do 30% da conexión peonil e o seu mantemento.

En canto á Consellería de Infraestruturas, segundo o convenio asinado hoxe, encargarase da redacción do proxecto básico e de execución da nova estación de autobuses, así como do seu financiamento; e da licitación, adxudicación e execución da conexión peonil, así como do financiamento do 30% do seu custo. Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio comprométese a realizar con carácter preferente as adaptacións do planeamento urbanístico que lle corresponden ao Concello.

Segundo o convenio asinado hoxe, Adif comprométese a executar, nunha primeira fase, as obras correspondentes ao "Proxecto de construción para adaptación da Estación de Santiago aos novos servizos da alta velocidade", que deberán ser compatibles co posterior desenvolvemento global da estación intermodal. Tamén redactará o proxecto construtivo relativo á conexión peonil, que financiará nun 40%; e transmitirá os terreos da súa titularidade precisos para a execución da nova estación de autobuses, a remodelación do viario Clara Campoamor e a conexión peonil. Ademais, Adif será responsable de redactar o anteproxecto da nova estación intermodal de Santiago, na súa imaxe final, que abarcará a estación de ferrocarril, a estación de autobuses e a súa interconexión, así como a solución peonil. Tamén redactará e aprobará os proxectos básicos e de construción da parte da estación intermodal que corresponda á estación ferroviaria, e financiará as obras, que se iniciará cando se acaden os 3,5 millóns de viaxeiros anuais.

O convenio marco asinado hoxe, que ten unha duración máxima de catro anos, será desenvolvido a través dos correspondentes convenios de desenvolvemento.

Documentos relacionados



Compartir: