COMERCIO

Rosaura Leis ofrece unha conferencia sobre os beneficios da dieta atlántica

14/06/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá, acompañada de Rosaura Leis, a conferencia que esta última dará o sábado 18 de xuño no CSC de Fontiñas.

A conferencia versará sobre os beneficios da dieta atlántica e o aproveitamento do produto de tempada. Será impartida por Rosaura Leis, que é a vicepresidenta da Fundación da Dieta Atlántica, "nacida co obxectivo de fomentar o estudo, a investigación e a difusión da dieta atlántica para a saúde e o benestar da poboación". Marta Lois destacou a importancia da "USC como promotora da iniciativa".

O obxectivo da charla radica no fomento do produto local e de proximidade e a posta en valor na nosa gastronomía, "que non ten nada que envexar á famosa dieta mediterránea". A dieta atlántica parte da importancia dos alimentos de temporada, locais, frescos e minimamente procesados, sobre todo procedentes de vexetais: verduras e hortalizas, froitas, cereais, patacas, noces e leguminosas. Tamén pretende fomentar o consumo abundante de peixes e mariscos, ben sexan frescos, conxelados ou en conserva; leite e derivados, carne de proco, vacún, caza e aves, acompañados do consumo de viño, normalmente coas comidas e en cantidades moderadas.

A entrada é de balde ata completar aforo.

Rosaura Leis
É vicepresidenta da Fundación Dieta Atlántica da USC, profesora titular de Pediatría na Facultade de Medicina, líder do Grupo de Investigación en Nutrición Pediátrica do Instituto de Investigación de Santiago-Instituto de Salud Carlos III e Coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía e Nutrición Pediátrica do CHUS.

Compartir: