ALCALDÍA

O Concello de Santiago comprométese a traballar para situar as linguas de signos en todas as esferas da vida da cidade

14/06/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, deu lectura á declaración institucional do Concello de Santiago con motivo da celebración do Día da Lingua de Signos Española. No acto tamén participaron outros integrantes da Corporación e o secretario xeral da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, Eduardo Bermúdez.

Na declaración, aprobada en xunta de voceiros polos catro grupos municipais, o Concello quere poñer de relevo "o valor destas linguas no exercicio dos dereitos, deberes e liberdades das persoas xordas e xordocegas, como garantes da súa participación igualitaria na vida democrática". Estas linguas, di, "dan resposta á necesidade de comunicarse e interactuar coa contorna, axudan a estruturar o pensamento e encarnan a historia, as visións do mundo e as emocións dos seus usuarios e usuarias".

É por isto que a Corporación Municipal de Santiago "apela a todas as institucións, axentes públicos, sociais e ao conxunto da cidadanía a actuar de forma comprometida para colocar as linguas de signos españolas, en condicións de igualdade, en todas as esferas da vida educativa, social, cultural, económica e política da nosa cidade. As linguas xogan un rol fundamental para a convivencia e o respecto das nosas comunidades, por iso debemos articular medidas que garantan a protección das linguas de signos españolas".

O Concello de Santiago comprométese igualmente a estar "sempre á beira de quen tamén defende a igualdade, a xustiza social, a inclusión e a diversidade, e neste sentido recoñece o labor do movemento asociativo da CNSE, Confederación Estatal de Persoas Xordas, que contribuíu decisivamente a que estas linguas alcancen un status legal e social pero sobre todo por manter vivo un legado que forma parte do patrimonio común de toda a cidadanía".

Para celebrar este Día da Lingua de Signos, a Asociación de Persoas Xordas de Santiago instalou na praza do Toural unha carpa informativa.

Compartir: