POLÍTICAS SOCIAIS

"Os bicos dos refuxiados", o novo proxecto fotográfico de Gabriel Tizón, chega á praza Roxa neste mes de xuño

14/06/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou en rolda de prensa a nova exposición de Gabriel Tizón, que estará durante todo o mes de xuño na praza Roxa. Na rolda estivo acompañada do fotógrafo galego.

A exposición, que leva o nome de Os bicos dos refuxiados, é unha ampliación de Refuxiados sen camiño e pretende achegar ás persoas e dar outro enfoque a este drama. "Nace dende o primeiro día en que pisei o terreo e me dei de conta da situación destes países", asegurou Gabriel Tizón.

Estará exposta na praza Roxa ata finais de mes cun formato diferente que a exposición anterior, con 18 fotografías impresas en lona para exterior. A concelleira de Políticas Sociais animou á veciñanza a que se achegue a esta praza compostelá para desfrutar deste traballo artístico.

Refuxiados sen camiño
Refuxiados sen camiño é unha exposición de 22 paneis de gran formato (aproximadamente 2 metros) que amosan 80 fotografías de Gabriel Tizón durante o seu traballo nos campamentos de refuxiados de Idomeni (Turquía). A mostra estivo durante varias semanas nos soportais da praza do Obradoiro e agora poderase ver en Área Central.

Tizón aproveitou para facer un chamamento á cidadanía para que axude, na medida do posible, a estas persoas, "escapando do discurso do medo que se quere espallar por Europa". O fotoxornalista galego lembrou ademais que "a pesar da difícil situación pola que están a pasar, estas persoas son unhas afortunadas porque poden saír da guerra".

Non ás guerras
Concha Fernández aproveitou a rolda de prensa para lembrar que este domingo terá lugar unha marcha organizada pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, que sairá da Alameda ás 12:00 horas. Esta marcha ten como finalidade rexeitar as políticas migratorias da UE baixo o lema "Non ás guerras. Rachemos coas fronteiras".

Compartir: