EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Nenas e nenos de 3 a 7 anos do CEIP Pío XII realizaron unha intervención de "Land Art" na carballeira de San Lourenzo

10/06/2016 O CEIP Pío XII realizou unha proposta de Land Art na carballeira de San Lourenzo. Esta iniciativa, enmarcada no Plan Proxecta "12 meses, 12 paisaxes", da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ten como obxectivo fomentar no alumnado o coñecemento e o respecto pola contorna natural cun obxectivo estético, neste caso revalorizando e utilizando a carballeira cun fin artístico e pedagóxico, dende a perspectiva de abrir a escola á cidade.

Neste traballo estiveron involucrados durante este curso 15 titoras e persoal de apoio de educación infantil e 375 nenos e nenas de 3 a 7 anos. A coordinadora do proxecto é a profesora Teresa Neira González.

A intervención plástica consistiu na utilización de pétalos de flores, pauciños, piñas pintadas, follas decoradas e outros elementos naturais. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, achegouse ata a carballeira de San Lourenzo para compartir esta experiencia cos pequenos e pequenas.

previamente, nunha primeira visita ao espazo escollido para a instalación recolléranse materiais (follas, pétalos, paus, pedras,…) e leváronse á aula. Isto serviu para desenvolver un proceso de observación e exploración das súas cualidades, así como de experimentación ao transformalos.

Plan Proxecta (Curso 2015/2016)
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes colectivos, institucións, administracións e profesionais do ámbito da educación, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo, así como os elementos transversais, nos que se inclúe a educación en valores.

Trátase dun Plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos deste Plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa de Galicia.

Land Art
O Land Art é unha tendencia da arte contemporánea que utiliza o marco e os materiais da natureza (madeira, terra, pedras, area, rocas, lume ou auga, entre outras). Esta expresión inglesa pode traducirse como "Arte da Terra". Moitas destas obras desaparecen porque se atopan expostas no exterior e sometidas á erosión natural e ao paso do tempo, quedando delas tan só o recordo fotográfico.

O que pretende é producir emocións plásticas no espectador, alterar cun sentido artístico a paisaxe para provocar o máximo de efectos e sensacións á persoa observadora. Quere reflectir a relación entre as persoas e a terra, o medio ambiente e o mundo.

A principal técnica do artista Land Art é a instalación na paisaxe, onde os seus traballos chegan a interactuar co medio ambiente de forma directa. Nesta proposta que se presentou desvirtuouse un pouco esta técnica, porque a idade dos artistas (de 3 a 7 anos) así o requiría.

Os artistas contemporáneos de referencia nestas técnicas son Andy Goldsworthy e Richard Shilling.

Compartir: