TRANSPARENCIA

A Ordenanza de Transparencia, a exposición pública ata o vindeiro 1 de xullo

09/06/2016 O Boletín Oficial da Provincia vén de dar conta da aprobación inicial da Ordenanza de transparencia, acceso á información pública e reutilización de datos da administración do Concello de Santiago. Despois desta publicación, ata o próximo 1 de xullo estará aberto o prazo para presentar as reclamacións e suxestións que se consideren oportunas. De non habelas, o texto entenderase aprobado definitivamente.

A Ordenanza de transparencia, acceso á información pública e reutilización de datos da administración do Concello de Santiago recibiu o visto bo inicial no pleno celebrado o pasado 28 de abril. O texto ten como obxectivo adaptar ás especificidades de Compostela a Lei 19/2013, coñecida como Lei da Transparencia. Esta normativa estatal entrou en vigor o 10 de decembro de 2015 para os concellos e as comunidades autónomas.

O texto que agora se atopa a exposición pública baséase na ordenanza tipo redactada pola FEMP, pero vai máis alá nalgúns aspectos. Así, considera que o dereito de acceso á información pública é un dereito fundamental e non só constitucional. A ordenanza municipal de Santiago tamén é máis esixente no que ten que ver coas entidades que están obrigadas a publicar a información, incluíndo ás concesionarias de contratos administrativos; e amplía a lista de datos que o Goberno e os grupos municipais teñen que facer públicos, incluíndo as axendas de todos os concelleiros e concelleiras, a información completa de cargos eventuais (currículos e retribucións) e a relación de gastos anuais dos grupos municipais. Por último, obriga ao Concello a realizar un inventario de activos municipais.

A Ordenanza regula a publicidade activa da información á que están obrigadas sete áreas concretas da administración municipal: Institucional, organizativa, publicación e persoal; Altos cargos; Xurídica e patrimonial; Contratación, convenios e subvencións; Económica, financeira e orzamentaria; Servizos e procedementos; e Urbanismo e medio ambiente. A información publicarase na web do Concello, e tamén se lle deberá entregar a calquera persoa que o solicite, salvo que estea xustificado o contrario.

O proxecto contempla a creación dunha Comisión de Transparencia, que se encargará de realizar unha avaliación periódica do cumprimento do texto.

Documentos relacionados



Compartir: