TURISMO

Turismo de Santiago crea unha ferramenta para coñecer en tempo real a dispoñibilidade de prazas nos establecementos hostaleiros

09/06/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e a directora-xerente en funcións de Turismo de Santiago, Yolanda Ferro, presentaron a DispoApp, unha nova ferramenta electrónica concibida integramente por Turismo de Santiago para poder informar en tempo real nas oficinas de información turística sobre a dispoñibilidade de prazas nos establecementos hostaleiros da cidade.

A oficina de información turística de Turismo de Santiago atende cada ano algo máis de 200.000 consultas presenciais na rúa do Vilar. En moitos casos, especialmente nos meses de temporada alta, as consultas refírense ás prazas dispoñibles para ese mesmo día en hoteis, pensións ou albergues.

Para poder prestar ás persoas que visitan a cidade información útil e en tempo real, a entidade de promoción turística municipal desenvolveu unha nova ferramenta electrónica que permitirá que sexan os propios establecementos os que carguen no programa a dispoñibilidade de prazas que teñen en cada momento.

Áxil, sinxela e de balde
A ferramenta será de balde para os aloxamentos da cidade. O proceso de carga é moi sinxelo e rápido para os establecementos. En apenas dez segundos poden indicar os cuartos que teñen dispoñibles en cada momento e os seus prezos. Esta información pode actualizarse ao longo do día todas as veces necesarias. A actualización poderá facerse dende diferentes plataformas, ordenadores, teléfonos ou tablets, para que sexa o máis sinxelo posible.

O persoal de información de Turismo de Santiago poderá ver a dispoñibilidade de prazas que hai en cada momento nos establecementos de Santiago. Deste xeito poderá dar información filtrada e en tempo real ás persoas que pregunten por aloxamentos dispoñibles na cidade e arredores para esa mesma noite.

O persoal de Turismo de Santiago non fará as reservas directamente nin cobrará ningún tipo de comisión, xa que o servizo é gratuíto tanto para os establecementos como para as persoas usuarias. O que se entregará será un documento coa información sobre as prazas dispoñibles e enderezos, números de teléfono e correos electrónicos, para que poidan facer as súas reservas directamente.

Durante o mes de maio, a ferramenta estivo funcionando con éxito nunha primeira fase de probas, nun proceso no que colaboraron arredor de 30 pensións e albergues da cidade. Para esa primeira fase escolléronse este tipo de establecementos porque, en base á experiencia, son polos que máis preguntan as persoas na oficina de información turística no "último minuto".

Non obstante, poderán empregar a ferramenta todos os establecementos da cidade, máis alá de cal sexa a súa tipoloxía e a súa categoría, xa que o obxectivo é ter a maior información posible en tempo real sobre as prazas que hai dispoñibles en cada momento. Todos eles poderán beneficiarse, xa que terán a posibilidade de que se informe dos cuartos que teñen e poder conseguir así vendas de último momento dun xeito gratuíto e que apenas precisa de tempo de carga da información.

Compartir: