ACCIÓN CULTURAL

Coloquio con Mireia Sentís na Zona "C"

08/06/2016 Este xoves estará en Compostela a escritora e fotógrafa, e na actualidade directora da Biblioteca Afroamericana de Madrid, Mireia Sentís, para manter un coloquio baixo o título de "A salto de mata". Será a partir das 20:00 horas na Zona "C" e a entrada é de balde.

A Concellaría de Acción Cultural puxo en marcha estes encontros o pasado mes de decembro co obxectivo de que sexan espazos de mediación nos que o público e os traballadores do sector cultural da cidade poidan coñecer experiencias e intercambiar opinións con diversos axentes culturais.

Abríronse os encontros no mes de decembro con Joana Hurtado, responsable de Artes Visuais do Centro Cívico Can Felipa de Barcelona e continuaron en xaneiro co mediador cultural e fundador de La Tabacalera de Lavapiés en Madrid, David Rodríguez AKA Tina Paterson. En marzo, visitou Santiago a editora independente portuguesa Bárbara Bulhosa e o pasado mes de maio falamos de poesía con Luz Pichel. Chega agora neste mes de xuño, Mireia Sentís.

Mireia Sentís é escritora e fotógrafa. Dende 1972 traballa entre Nova York, Barcelona e Madrid. Colaborou con diferentes institucións culturais e medios de prensa, radio e televisión, e comisariou exposicións. A partir de 1983 expón a súa obra fotográfica. É autora dos libros Al límite del juego, sobre a vangarda estadounidense máis heterodoxa das décadas 1960 e 70 e En el pico del águila. Una introducción a la cultura afroamericana (1998). Actualmente dirixe o proxecto BAAM (Biblioteca Afro-Americana Madrid) que inclúe a publicación de libros de autores negroestadounidenses nunca traducidos ao castelán.

Compartir: