MEDIO AMBIENTE

O Consello Municipal de Medio Ambiente reúnese hoxe no Auditorio de Galicia despois de seis anos de inactividade

08/06/2016 A Sala Circular do Auditorio de Galicia acolle esta tarde a primeira sesión do Consello Municipal de Medio Ambiente, que leva sen reunirse dende o 19 de xaneiro de 2010, data da última sesión ordinaria.

Na xuntanza constituirase o Consello, nomearanse os seus membros e elixirase un vicepresidente que, segundo o regulamento, deberá ser un dos representantes das asociacións ecoloxistas que forman parte do Consello Municipal (Verdegaia, Adega ou a Asociación Galega de Historia Natural). Ademais destes colectivos, no Consello Municipal de Medio Ambiente están representados os grupos municipais, persoas técnicas, a Asociación Galega de Consumidores, as asociacións de veciños Camiño de Santiago, Barrio de Guadalupe e Raigame, asociacións xuvenís, Asociación Empresarial do Polígono do Tambre, Cámara de Comercio, Asociación de Empresarios de Santiago e Comarca, CIG, UGT, CCOO, Sindicato Labrego Galego, ASAJA, ORUGA e a USC.

Modificación do Regulamento
De contar co quórum suficiente, na sesión de hoxe tamén se modificará o punto 6 do Regulamento do Consello Municipal de Medio Ambiente, que fai referencia ao Pleno do Consello. Na proposta que presentará o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, recóllese que poderá formar parte do mesmo calquera persoa física ou xurídica que presente unha solicitude ao Concello acompañando certificado de empadroamento ou domicilio social na cidade.

A constitución do Consello Municipal de Medio Ambiente produciuse na sesión plenaria do mes de maio, cando se designou, a proposta de Alcaldía, a dous expertos en temas medioambientais como membros de dito Consello. Así, aprobouse o nomeamento de Juan Manuel Lema Rodicio, catedrático da Facultade de Química da Universidade de Santiago, e de Pablo Ángel Meira Cartea, profesor titular da Facultade de Ciencias da Educación da mesma universidade.

Compartir: