ALCALDÍA

O alcalde recibe os representantes da Plataforma Vítimas do Tren Alvia 04155

08/06/2016 O alcalde recibiu esta mañá no Pazo de Raxoi a un grupo de representantes da Plataforma Vítimas do Tren Alvia 04155. O colectivo quixo agradecerlle a Martiño Noriega o feito de que o de Santiago fora o primeiro Concello en aceptar a moción que insta ao Goberno do Estado a abrir unha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois.

Este texto recibira luz verde no pleno ordinario do mes de abril, cos votos a favor de Compostela Aberta e BNG, e co apoio do PSOE a algúns dos puntos da moción. O PP ausentárase daquela sesión e non chegara a votar a proposta. A moción instaba ao Congreso a constituír unha comisión de investigación que esclarecera o acontecido o 24 de xullo de 2013, e ao Goberno do Estado a crear unha comisión de persoas técnicas para avaliar o accidente no que morreran 80 persoas.

No encontro, o alcalde reiterou o total apoio do conxunto da Corporación ás vítimas do Alvia, e defendeu que ademais das responsabilidades individuais no accidente "hai unhas responsabilidades colectivas que non foron depuradas nun pacto de silencio indigno". Martiño Noriega recoñeceu que Compostela "ten unha ferida aberta co sinistro do Alvia e é absolutamente solidaria coas reivindicacións da plataforma de vítimas, porque a ferida non se pechará ata que as responsabilidades colectivas non sexan depuradas".

Na reunión, a Plataforma de Vítimas estivo representada por Esperanza Fernández, Álvaro García, Juan Besada, José Antonio Gayoso, Asunción Ferreiro e Jesús Naveiras.

Compartir: