DEPORTE

O circuíto de Salgueiriños acolle a 10ª edición de XiraKarting, coas probas da Rockies Cup para nenos e nenas de 4 a 7 anos

08/06/2016 O concelleiro de Deporte, Rafael Peña, presentou esta mañá acompañado de Raquel González, directora de RGM Eventos, e Antonio Cortés, director de Marketing de Gadisa, a décima edición de XiraKarting, actividade pioneira do karting móvil para que todos os públicos poidan desfrutar da experiencia de pilotar un auténtico kart de carreiras.

A actividade desenvolverase toda o fin de semana nun circuíto instalado en Salgueiriños. Ademais, esta ano hai unha importante novidade, como é a posibilidade de que poidan pilotar nenos e nenas a partir de 4 anos e de que accedan á competición infantil Rookies Cup, grazas á colaboración de XiraKarting coa Federación Galega de Automobilismo. Deste xeito, a edición deste ano presta especial atención ao futuro deste deporte, "un dos máis seguidos en Galicia, que converterá esta fin de semana a Santiago nun dos epicentros do automobilismo en todo o territorio", segundo asegurou Rafael Peña.

Ademais destas probas e durante toda a fin de semana, nenos e nenas dende 4 anos e adultos sen límite de idade poderán desfrutar da experiencia de pilotar un auténtico kart en Santiago nun circuíto deseñado para o goce en familia e entre amigos.

Descontos
O público xeral pode conseguir descontos e entradas gratuítas nos supermercados Gadis, principal patrocinador do evento, e tamén seguindo a XiraKarting nas redes sociais: @xirakarting en Twitter, www.facebook.com/XiraKarting en Facebook e na conta de Instagram. Tamén os carnés de Familia Numerosa e o Carné Xove dan acceso a descontos.

Zona de dinamización e food truck
Para aqueles e aquelas que prefiran outras alternativas ás carreiras poderán desfrutar delas na zona de dinamización con inchables. Xunto ao circuíto instálase unha zona food truck, onde picotear unha comida rápida, saborosa e de calidade, da man de chefs profesionais.

Os horarios para participar neste evento serán de 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas.

Compartir: