ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde reuniuse con Paula Villar, do Foro de Vida Independente de Galicia

06/06/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reuniuse con Paula Villar, representante do Foro de Vida Independente de Galicia "VIGalicia" e da plataforma Queremos unha Compostela sen Barreiras. Na xuntanza tamén participou a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández.

No encontro, Paula Villar formuloulle ao alcalde e á concelleira a posibilidade de asinar un protocolo de actuacións que garanta "a inclusión e participación de todos os cidadáns de Compostela" nas actividades que organice o Concello de Santiago. Trátase, dixo, de realizar un "deseño universal" destas accións, xa que, en ocasións, as persoas con mobilidade reducida teñen dificultades para acceder ás mesmas.

VIGalicia traballa a prol da consecución e xestión de recursos suficientes para a vida independente, tales como sistemas de asistencia persoal e asistencia tecnolóxica baixo o ideario da Vida Independente, así como da accesibilidade e deseño universal dos espazos e produtos.

Compartir: