EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Banda e a Agrupación de Música Tradicional da Escola Municipal de Música ofreceron un concerto na praza do Toural

05/06/2016 A praza do Toural acolleu o concerto de primavera da Banda e da Agrupación de Música Tradicional da Escola Municipal de Música. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, non quixo perderse a cita musical, sumándose á cidadanía que se congregou para asistir a esta actuación aberta.

A Banda e a Agrupación de Música Tradicional, estiveron dirixidas, respectivamente, por Óscar Fernández e Pablo Pascual, dous recoñecidos músicos que combinan o seu labor formativo cunhas exitosas carreiras profesionais no ámbito da música.

Nesta ocasión, Pablo Pascual arranxou tres pezas musicais do repertorio tradicional de Galicia, que sacaron o mellor dos músicos da Agrupación: "Rosariño", unha peza que paseou por romarías e encontros musicais o grupo Os Trintas, de Trives; o fox-trot "Buenas noches", unha amena peza que recreou na praza do Toural unha sesión vermú; e "Muiñeiras", que completou o concerto.

Deseguido, foi o a vez da Banda, da man do seu director, Oscar Fernández, a que deleitou aos asistentes cun variado programa: "The tempest", de R. Smith; "Alpina fanfare", de F. Cesarini; "Heijamano", de B. Appermont; e a banda sonora de Braveheart, película épica baseada na vida de William Wallace, heroe nacional escocés.

Nas próximas semanas están previstos novos concertos das formacións musicais da EMM en centros de ensino, actos públicos e nas rúas e prazas da cidade. No horizonte máis próximo, este mes de xuño, está a celebración do Día Europeo da Música, nunha colaboración de agrupacións musicais da Coruña, Lalín, Vedra, Vigo e Santiago.

A EMM conta con varias formacións: a Orquestra de Iniciación (20 participantes) e a Banda de Iniciación (25 alumnos e alumnas) para os máis pequenos; a Banda de Música (35 músicos), a Orquestra (15 membros), a Agrupación de Música Tradicional (19 participantes) e o Combo Moderno (8 integrantes), nas que as idades dos seus integrantes son dunha variabilidade maior. A estas hai que sumar as dúas agrupacións de canto: o Coro Xuvenil e o Coro de Adultos.

Compartir: