EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Catrocentos escolares de toda España participaron no VII Campionato Nacional de Cálculo con Ábaco

04/06/2016 Catrocentos escolares de toda España, de idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos, participaron este sábado no VII Campionato Nacional Aloha Mental Arithmetico. O evento estivo organizado por Aloha Mental Arithmetic en colaboración co Departamento de Educación e Cidadanía. O seu concelleiro responsable, Manuel Dios, achegouse ao CEIP López Ferreiro para presenciar a proba.

Para facerse co título de Campión Nacional de Cálculo, os participantes tiveron que realizar 70 operacións aritméticas en 5 minutos, utilizando unicamente como ferramentas un ábaco, a súa axilidade mental e as súas mans.

O alumnado puxo así en práctica as habilidades aprendidas durante o curso a través do Aloha Mental Arithmetic. Este programa de desenvolvemento mental, que se imparte a 15.000 alumnos de 500 centros escolares de toda España, ensina aos nenos e nenas a realizar as operacións matemáticas de sempre dun xeito diferente, máis rápido e máis eficaz.

A proba tivo lugar no CEIP López Ferreiro. Os nenos e nenas participaron en distintas categorías, de acordo coa súa idade e formación. Os premios aos Campións Nacionais de Cálculo entregáronse pola tarde no Teatro Principal.

Xincana
A gran novidade do VII Campionato Nacional Aloha Mental Arithmetic foi unha divertida xincana na que os nenos, acompañados das súas familias e coa única axuda do seu enxeño e dun móbil con conexión a Internet, debían resolver unha das sete misións especiais que se desenvolveron nas rúas de Compostela. Misións tan especiais como evitar o roubo do botafumeiro da Catedral, recuperar o Códice Calixtino, descubrir os ingredientes da tarta de Santiago ou aprender a elaborar unha gaita.

Durante algo máis de dúas horas, as familias, ben de forma independente ben en colaboración con outros grupos, resolveron un destes misterios relacionados coa historia e a cultura de Santiago. Para iso contaron coa axuda do Tuno Astuto, que lles foi ofrecendo pistas e formulando enigmas para que cada grupo puidera resolver a súa misión, así como de distintos personaxes que interactuaron con eles polas rúas de Compostela.

Nesta xincana colaboraron, entre outras entidades, tres institucións museísticas da cidade: Museo do Pobo Galego, Fundación Eugenio Granell e Museo das Peregrinacións.

Compartir: