ACCIÓN CULTURAL

Xosé A. Touriñán protagoniza o "Monólogo do imbécil" no Teatro Principal

03/06/2016 Eme2 Teatro presenta a vindeira semana en Compostela o Monólogo do imbécil, protagonizado por Xosé A. Touriñán. Premio Max de Teatro 2003 ao mellor texto en lingua galega está escrito e dirixido por Jose Prieto. En total haberá tres funcións: venres 10 e sábado 11 ás 20:30 e o domingo 12 ás 19:00 horas, todas no Teatro Principal.

En palabras de Eme2, "o Mmonólogo do imbécil é un unipersoal no que elaboramos a biografía dun home dende o momento da cópula dos seus pais, aló polo ano sesenta, ata agora mesmo. Un individuo que ante o absurdo da súa vida e do momento histórico que lle toca vivir séntese desprazado unha e outra vez. Unha autobiografía surrealista, tenra, cómica e fantástica coa que todo o mundo acaba identificándose. Quen non se sentiu algunha vez coma un imbécil?"

A Santi (Xosé A. Touriñán), protagonista do monólogo, todo lle sae mal. Procura comportarse coma os demais, ten ilusión por ir á escola coma todo o mundo, por ter un traballo coma todo o mundo e casar cunha rapaza coma todo o mundo, pero sempre sucede algo que acaba deixándoo con cara de parvo.

É certo que Santi ten unha tendencia a estar sempre nas nubes. E ás veces queda parvo mirando a ningures. E pensa: "Que fago eu aquí... coma un imbécil". Así que un día decide mirar atrás na súa biografía para ver de buscarlle o sentido ás cousas, e remóntase ao momento mesmo da súa concepción e aínda máis, a cando só existían un espermatozoide algo parvo e un óvulo despistado, e comeza a falalo todo desde o principio ata o preciso momento en que llo conta ao público.

Entradas
As entradas teñen un prezo de 15 euros (12 euros nos palcos da segunda planta e o anfiteatro) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado e días de evento de 18:00 a 21:00 h), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Compartir: