EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Galería Sargadelos acolleu outro taller "Xoga e aprende con enerxía!"

04/06/2016 Este sábado realizouse o terceiro taller "Xoga e aprende con enerxía!" a cargo de Marta Gómez, arquitecta experta en enerxía da arquitectura. Este ciclo de obradoiros está dirixido a nenos/as entre os 9 e 12 anos, que a través de divertidos xogos aprenderán a aforrar enerxía e a concienciarse na mellora dos espazos nos que habitan.

Para asistir a estes talleres, que se realizarán tamén os próximos sábados 11 e 18 de xuño, debe reservarse praza no Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago: dpteducacion@ santiagodecompostela.gal ou nos teléfonos 981 554 400/401

Os obradoiros están pensados para crear novos hábitos de consumo de enerxía e outros recursos de maneira responsable, aprendendo a favorecer o confort nas vivendas, coñecer os materiais cos que foi construída ou rehabilitada a vivenda na cidade histórica. Todo isto dun xeito lúdico, ameno e divertido.

Estes talleres didácticos súmanse aos que vén celebrando o Consorcio de Santiago baixo o título Rehabilita con enerxía!, tamén na Galería Sargadelos. Neles, os cidadáns poden aprender a mellorar a xestión enerxética nas súas vivendas. Esta iniciativa enmárcase no programa europeo EFFESUS -Eficiencia enerxética para a sostibilidade dos centros históricos europeos.

Compartir: