XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local dá un novo paso para a apertura do Centro Xove de Creación Cultural

03/06/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o procedemento de contratación para o servizo de xestión de actividades no Centro Xove de Creación Cultural, na Almáciga, e os locais municipais de música para a xuventude de Compostela, en San Lázaro. É o último paso para a apertura do edificio construído no patio do CEIP Apóstolo Santiago.

O alcalde lembrou que o Centro Xove de Creación Cultural empezouse a proxectar en 2009, pero finalmente as obras non se iniciaron ata 2015. Ao tempo, os locais municipais de música de San Lázaro foron quedando pequenos para atender a demanda de utilización, a día de hoxe por parte duns 40 grupos da cidade.

O servizo de xestión de actividades vaise adxudicar mediante un procedemento aberto, e o tipo de licitación establecido é de 48.733,89 euros anuais máis IVE.

Programa Compostela Móvese 2016
A proposta da concelleira delegada de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, a Xunta de Goberno aprobou o programa Compostela Móvese 2016, que conta cun orzamento de 135.000 euros. As actividades teñen como obxectivo fomentar un modelo económico para Santiago que se apoie nas súas principais fortalezas: capitalidade, proxección internacional, Universidade, cultura e patrimonio.

Para iso, o programa incorpora accións relacionadas co turismo, as industrias culturais, a biotecnoloxía, o deseño de moda, a economía social, o comercio minorista, o rural, ou e a economía colaborativa no consumo. Tamén inclúe liñas de axuda á creación de empresas e a posta en marcha de actividades de dinamización económica, e actuacións de fomento do emprendemento en colaboración coa USC.

Estacionamento na Sionlla
A Xunta de Goberno tamén lle deu hoxe o visto bo á sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e a empresa Visecorsa SLU, para o financiamento da construción dun aparcadoiro municipal en superficie e unha zona reservada para depósito municipal de vehículos no parque empresarial da Sionlla.

A empresa aportará ao Concello o importe das obras, 400.812,50 euros, e o Concello comprométese a manter durante un prazo de 15 anos unha parte da parcela destinada a aparcamento de uso público cunha capacidade de cando menos 231 prazas de aparcadoiro. O convenio será asinado nun prazo de tres meses, e o prazo previsto para a execución das obras é de seis meses.

Outros acordos
A proposta da concelleira de Acción Cultural, aprobouse o expediente e apertura do procedemento de adxudicación dos espectáculos dos Fogos do Apóstolo, tanto do 24 como do 31 de xullo. O tipo de licitación quedou establecido en 180.000 euros máis IVE.

Por último a Xunta de Goberno adxudicou o servizo de limpeza e desinfección para a prevención da lexionela nas instalacións deportivas municipais, por un importe de 14.795 euros/ano máis IVE, e aprobouse a adxudicación das hortas municipais de Caramoniña, Almáciga e Brañas de Sar.

Documentos relacionados



Compartir: