CONSORCIO

Cristina Pato toca coa Real Filharmonía este sábado no Parque Eugenio Granell

03/06/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra un concerto ao aire libre mañá sábado, 4 de xuño, no compostelán Parque Eugenio Granell, baixo a batuta do seu director titular, Paul Daniel. A cita será ás 12:30 horas e, se chove, terá lugar no Auditorio de Galicia. Diríxese ao público máis novo e ás familias, dentro do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. A entrada é gratuíta.

O público asistente terá a oportunidade de escoitar Viúvas de vivos e mortos, que se estreou este xoves no concerto de abono das RFG. É unha obra composta polo galego Octavio Vázquez, profesor de Composición no Nazareth College of Rochester de Nova York, para a gaiteira Cristina Pato.

Ambos artistas colaboran dende hai máis dunha década. En 2014 Cristina Pato conseguiu unha bolsa da organización norteamericana New Music USA para construír un repertorio para gaita e orquestra sinfónica, o que a levou a encargarlle a varios músicos a composición de obras nesta dirección, e de aí xorde este proxecto con Octavio Vázquez.

A obra é unha homenaxe ás mulleres galegas. En febreiro de 2015, Cristina Pato e a Sphinx Symphony Orchestra, dirixida por Andrew Grams, ofreceron a preestrea de parte da obra en Detroit, nun concerto de grande éxito que foi retransmitido pola televisión pública americana. Agora, o público terá a oportunidade de escoitar por primeira vez a obra completa.

Aclamada en Nova York
Cristina Pato gañou un Grammy en 2009 polo álbum Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace, premio aos que foi nomeada de novo en 2010. É doutora en Musical Arts in Collaborative Piano pola Rutgers Universit e membro do Silk Road Ensemble.

Aclamada polo New York Times como "unha virtuosa explosión de enerxía" e por The Wall Street Journal coma "un dos mestres vivos da gaita", a gaiteira, pianista e compositora Cristina Pato goza dunha activa carreira profesional dedicada á música popular galega, á música clásica e ao jazz. A súa carreira levouna aos principais escenarios de toda Europa, Estados Unidos, India, África e China. Ofrece conferencias en institucións tan prestixiosas como as universidades de Harvard e Princeton.

Compartir: