ALCALDÍA

Compostela e outros oito concellos promocionarán conxuntamente o Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia

03/06/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou en Noia na sinatura do protocolo entre os concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela para a promoción conxunta do Camiño de Santiago pola Ría de Muros e Noia.

En virtude deste acordo, os nove concellos promoverán o lanzamento de novos proxectos conxuntos para a promoción turística e económica do Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia. Así, comprométense ao intercambio de información e experiencias e á colaboración política e técnica no ámbito da promoción turística.

Esta colaboración plasmarase no deseño de propostas para axilizar a oficialización do Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia. Tamén se realizarán as xestións necesarias coas diferentes Administracións para a consecución de financiamento destinado á promoción, sinalización e conservación do devandito Camiño.

Outro dos obxectivos dos nove concellos é a creación dunha ruta de sendeirismo seguindo o mesmo trazado da ruta prevista para o Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia, en tanto non se oficializa e demarca definitivamente esta.

O protocolo, que non supón achega económica algunha ten unha duración inicial dun ano, prorrogable por idénticos períodos. Unha comisión, formada por dous representantes de cada concello, encargarase do seguimento das actuacións contempladas no acordo, reuníndose, cando menos unha vez cada tres meses.

O Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia é unha variante marítima do Camiño Inglés, con chegada dos peregrinos ata os portos de Muros, Porto do Son, Freixo e Noia, continuando dende alí por terra polos concellos de Lousame, Rois, Brión e Ames ata Santiago.

Compartir: