XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a nova ordenanza Compostela +

03/06/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a nova Ordenanza de Garantía Básica Cidadá do Concello de Santiago, coñecida co nome de Compostela +. O texto, que ten que recibir luz verde definitiva no Pleno da Corporación, substituirá á ordenanza Santiago Suma, que entrou en vigor o 17 de xuño de 2015.

O alcalde xustificou a necesidade de substituír esa norma "na ineficacia demostrada pola ordenanza actual á hora de atender situacións de risco de exclusión social". Martiño Noriega incidiu en que a Santiago Suma "está suxeita á Lei de Subvencións, o que limita enormemente o número de persoas que poden acceder ás axudas e alonga as tramitacións administrativas". A nova ordenanza Compostela + ampárase, pola contra, na Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia e no Decreto 99/2012 e 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

Martiño Noriega insistiu en que, coa actual ordenanza, as persoas en risco de exclusión social que queren optar a unha axuda non poden ter débedas coas administracións (teñen que estar ao día no pago dos seus impostos), e teñen que xustificar os gastos antes de que se lle abone a axuda. De feito, no tempo que leva en vigor a ordenanza Santiago Suma, 40 solicitantes desistiron de recibir as axudas por non poder facer a xustificación do gasto. Ademais, moitas persoas teñen que reintegrar ao Concello parte da axuda recibida por non xustificar o gasto, con cantidades que van dende os 30 ata os 600 euros.

Tamén fixo referencia á longa tramitación administrativa que require a ordenanza Santiago Suma. En 2015, o tempo medio de tramitación das solicitudes para aprobalas en Xunta de Goberno foi de 96 días, tempo ao que habería que engadir o que transcorre dende a aprobación ata o pago definitivo.

Así as cousas, entre os meses de xuño e decembro de 2015 rexistráronse 149 solicitudes para o programa Santiago Suma e concedéronse 82 axudas (14 rendas de solidariedade activa e 68 axudas para afrontar situacións de risco social e para a inserción social). No que levamos de 2016 houbo 110 solicitudes e, ata o de agora, por mor da longa tramitación, só se concederon cinco axudas. 26 solicitudes xa foron desistidas polos interesados ante a obriga de xustificar os gastos.

En 2015, dos 600.000 euros previstos para a renda de solidariedade activa só se gastaron algo máis de 6.000 euros; e no que levamos de 2016, abonáronse 25.000.

Melloras na ordenanza Compostela +
Para solucionar as eivas da actual ordenanza, substitúese o marco legal da Lei de Subvencións polo da Lei de Servizos Sociais de Galicia e do Decreto polo que se regulan os Servizos Sociais Comunitarios e o seu financiamento. Nestes textos cítanse especificamente as rendas de inclusión social e as axudas de emerxencia e necesidade social que regula a nova ordenanza municipal

Ademais de simplificar os requisitos de acceso e a tramitación, a ordenanza Compostela + incrementa de xeito notable os importes das axudas, tanto no que ten que ver coa renda básica (que oscilará entre os 532 e os 798 euros en función do número de membros da unidade de convivencia) como no relativo ás prestacións sociais. Neste capítulo, ás prestacións contempladas na ordenanza Santiago Suma (aloxamento, necesidades básicas, débedas enerxéticas, débedas de comunidade de propietarios ou gastos por endebedamento previo), engádense na Compostela + as prestacións de fomento do dereito á educación para estudos postobrigatorios e as prestacións para saúde buco-dental.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: