ALCALDÍA

O alcalde coñece o labor de Plan International

02/06/2016 O alcalde, Martiño Noriega, recibiu esta mañá á directora xeral de Plan International en España, unha organización independente de cooperación ao desenvolvemento e axuda humanitaria comprometida cos dereitos da infancia. Concha López deulle conta ao rexedor das iniciativas que ten en marcha a entidade, para estudar posibles vías de colaboración co Concello.

A responsable de Plan International presentoulle ao alcalde a campaña "Por ser nena", que a organización puxo en marcha en relación ao Día Internacional da Nena, que se conmemora o 11 de outubro. Segundo explicou Concha López, "a organización quere traballar con proxectos que de verdade transformen a vida das nenas, e entende que Compostela é unha cidade con sensibilidade cara este tema". Sinalou ademais que Plan International sumarase ás reivindicacións do Día do Traballo Infantil, o 12 de xuño, poñendo o acento en que "hai millóns de nenas que están traballando en situación de explotación, sobre todo no servizo doméstico".

Pola súa parte, Martiño Noriega cualificou a xuntanza de frutífera, "porque o Goberno puido coñecer a dimensión do traballo que realiza Plan International tanto no Estado como no ámbito internacional". O alcalde coincidiu coas responsables da organización en que "na exclusión sempre hai unha dobre exclusión en clave de xénero". O rexedor comprometeuse a manter o contacto entre o Concello e Plan International en relación a futuras campañas.

Plan International
Plan International naceu en España en 1937 e actualmente leva a cabo proxectos en materia de educación, protección infantil, seguridade económica, participación infantil, saúde sexual e reprodutiva, e acceso a auga e saneamento en 70 países, que benefician directamente a 81,5 millóns de nenos e nenas.

No marco da campaña "Por ser nena", a organización está a desenvolver programas específicos para erradicar o matrimonio infantil e a mutilación xenital feminina, previr os embarazos adolescentes e erradicar a violencia contra as nenas.

Compartir: