DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Cersia acollerá a presentación do proxecto Spin&Up cunha xornada sobre a relación entre Universidade e Empresa

02/06/2016 O Cersia acollerá unha xornada para presentar a importancia da transferencia de coñecemento entre Universidade e Empresa. Esta xornada contará con representantes da Universidade e do tecido empresarial de Santiago e tamén da Universidade e do tecido empresarial do Minho. Será o martes 7 de xuño e estará aberta a participación de todas as persoas interesadas, tanto do ámbito universitario como do ámbito empresarial e mesmo persoas emprendedoras con novas ideas de negocio. A inscrición pode facerse na web do proxecto, www.spinandup.gal.

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta xornada, que se enmarca no proxecto Spin&Up, que nace co obxectivo de estimular e favorecer a transferencia bidireccional entre a Empresa e Universidade de coñecementos e tecnoloxía no Espazo de Cooperación Galicia Norte de Portugal, mediante o encontro entre as necesidades do tecido produtivo e a oferta dos axentes xeradores de coñecemento deste territorio.

A concelleira Marta Lois estivo acompañada polos representantes das dúas entidades de Santiago que colaboran no proxecto: o adxunto ao reitor para o emprendemento da USC e conselleiro delegado de Uninova, Manel Cotos, e o secretario da Asociación Área Empresarial do Tambre, Ramón Lois. No proxecto colaboran tamén dúas entidades da rexión norte de Portugal: a Asociación Universidade-Empresa para o desenvolvemento TEC MINHO e Asociación Industrial do Minho.

O obxectivo do proxecto Spin&Up é aportar valor a través da mellora e creación de proxectos de desenvolvemento empresarial asentados en procesos de innovación contrastados á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O Spin&Up ten presentado unha candidatura á primeira convocatoria do programa Interreg V A España-Portugal 2014-2020. Non obstante, as entidades socias do mesmo acordaron iniciar as accións do proxecto con independencia da resolución desta convocatoria e comezar a traballar nos seguintes puntos:

- Crear unha comunidade transfronteiriza Galicia – Portugal de Núcleos Locais de Transferencia, baseados na colaboración entre universidade, incubadoras empresariais, asociacións empresariais e concellos.

- Fomentar a creación de Pemes de base tecnolóxica a partires do modelo de negocio de innovación aberta e que respondan ás necesidades tecnolóxicas de áreas produtivas estratéxicas presentes no entorno local.

- Optimizar e mellorar o emprego e as capacidades das infraestruturas existentes a nivel local para a transferencia de tecnoloxía.

Direccións relacionadas



Compartir: