ESPAZOS CIDADÁNS E MOBILIDADE

O convenio da estación intermodal asinarase nun prazo máximo de 15 días

26/05/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta hoxe do acordo alcanzado onte en Madrid para a sinatura do convenio da estación intermodal entre o Concello, a Xunta, o Ministerio de Fomento e ADIF. Jorge Duarte explicou que o Goberno "non pode máis que estar satisfeito, porque o acordo resolve os problemas da intermodalidade, pero tamén os da conexión peonil entre o Hórreo e os barrios do sur, acabando coa barreira que supuxeron as vías do tren". Está previsto que o convenio sexa firmado nun prazo máximo de 15 días.

A reunión celebrada na tarde de onte, á que asistiu o alcalde Martiño Noriega, foi a última despois de meses de negociacións. Jorge Duarte lembrou que cando se retomaron as conversas xa estaba licitada a ampliación da actual estación do ferrocarril, un proxecto orzamentado en 19 millóns de euros. Iso condicionou todo o proceso, porque esa actuación é incompatible co proxecto de Herreros que gañara o concurso de ideas convocado en 2011. O Concello, apuntou Duarte, centrouse en "defender a filosofía dese proxecto, para garantir que se respectara o concepto de plataforma peonil, praza pública e mirador", e iso é o que se conseguiu no convenio.

O concelleiro de Espazos Cidadáns sinalou que o Concello tivo que dar varios pasos adiante para desbloquear as negociacións, asumindo o 30% do custo da plataforma peonil (uns 750.000 euros), e compensando a ADIF polos terreos da súa propiedade nos que a Xunta vai construír a estación de autobuses. Esa compensación farase a través de aproveitamento urbanístico, estimado nuns 3.000 metros cadrados de terreos, e co compromiso de que o mínimo do 50% da vivenda que se constrúa sexa protexida.

Proxecto en dúas fases
O convenio que será asinado no prazo de dúas semanas establece dúas fases "para conseguirmos a estación intermodal que Santiago necesita". Na primeira fase construirase a plataforma elevada entre o Hórreo e Pontepedriña, con 12 metros de ancho. A petición do Concello incluíuse un ascensor "co obxectivo de garantir que a plataforma poida ser utilizada por toda a cidadanía, mesmo polas persoas con mobilidade reducida". A plataforma terá un custo de 2,5 millóns de euros, e será financiada nun 40% por Adif, nun 30% pola Xunta e no 30% restante polo Concello. Na primeira fase tamén se inclúe a construción da estación de autobuses por parte da Xunta. O obxectivo é que esta infraestrutura e a plataforma peonil sexan licitados de xeito conxunto a mediados de 2017, e cun prazo de execución de 24 meses.

A segunda fase é a que prevé a construción da nova estación de ferrocarril. Jorge Duarte sinalou que, aínda que o ADIF xa está traballando no proxecto, o compromiso é abordar esta actuación cando se chegue aos 3,5 millóns de pasaxeiros e apuntou que "esa cifra se poderá conseguir nun prazo de cinco anos, porque a día de hoxe pola estación de Santiago pasan 2,8 millóns de usuarios e estímase que a chegada do tren de alta velocidade en 2019 suporá un aumento de 500.000".

Nesta segunda fase realizarase a nova estación, cun orzamento estimado de 29 millóns de euros, cubrirase a plataforma peonil, e acondicionarase unha praza pública á entrada do novo edificio (que estará elevado sobre as vías, ás que se accederá a través de ascensor e escaleiras mecánicas). Ademais, habilitarase un novo espazo de aparcamento con 700 prazas, ampliables a 1.000.

Custos económicos e accesos
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade reiterou o seu convencemento de que o acordo pechado onte en Madrid "é o mellor posible a día de hoxe para Santiago". Jorge Duarte insistiu en que, dende o punto de vista económico, o Concello só terá que asumir o 30% da pasarela peonil, uns 750.000 euros, pero a cambio gañará unha nova rúa.

En canto ao aproveitamento urbanístico, o edil explicou que será duns 3.000 metros cadrados, fronte aos 53.000 previstos no convenio asinado en 2009 sendo alcalde Xosé Sánchez Bugallo, conselleiro de Infraestruturas Agustín Hernández, e ministro de Fomento José Blanco. Nese aproveitamento, lembrou Duarte, incluíanse 10.000 metros cadrados para uso hoteleiro, 12.500 para un gran centro comercial, e 16.000 metros cadrados para vivendas, das que só o 30% serían protexidas.

Sobre os accesos á estación de autobuses, o concelleiro insistiu en pedir a colaboración da Consellería de Infraestruturas "para que o proxecto de acondicionamento do viario Clara Campoamor sexa o mellor para Compostela". Nese sentido, apuntou que o departamento autonómico deseñou uns accesos a través dunha gran rotonda "que suporía crear unha nova barreira entre Sar e Pontepedriña". Duarte reiterou que "o Concello quere que o viario Clara Campoamor sexa unha vía de tratamento urbano e non unha vía de alta capacidade".

Conxo
Jorge Duarte anunciou ademais que, na reunión de onte, o Ministerio de Fomento confirmou que vai acometer un novo proxecto para completar a obra do túnel de Conxo, e que consistirá no acondicionamento da superficie, en resposta ás demandas que viñan formulando o Concello e a veciñanza do barrio. A actuación terá un orzamento de 230.000 euros, e o obxectivo é que o proxecto estea redactado en 15 días.

Segundo explicou o concelleiro de Espazos Cidadáns, o Ministerio sinalou a súa intención de licitar a actuación no prazo de mes e medio, para que os traballos poidan comezar unha vez rematados os do túnel. Dentro de dúas semanas, Duarte asistirá a unha reunión con Fomento para coñecer o proxecto, que reducirá o tamaño previsto para a rotonda da superficie e contemplará unha mellor conexión peonil da previsto inicialmente.

Documentos relacionados



Compartir: