MEDIO AMBIENTE

Éxito de participación na primeira campaña "Reciclar na escola ten premio"

26/05/2016 A primeira campaña Reciclar na escola ten premio ven de finalizar cun rotundo éxito de participación. No proxecto, enmarcado no programa Tropa Verde, implicáronse 15 centros de ensino primario de Compostela, e os seus alumnos recolleron un total de 2.356 litros de aceite usado para a súa reciclaxe. Iso significa que se salvaron de ser contaminados 2.356 millóns de litros de auga. O claro gañador da campaña foi o CEIP de Roxos, que recolleu 302 botellas de aceite usado, cunha media de 2,59 botellas por alumno.

A campaña Reciclar na escola ten premio chegou a máis de 2.000 alumnas e alumnos que, ademais de reciclar de xeito práctico, descubriron as vantaxes de facelo grazas aos talleres teóricos da Tropa Verde nas súas aulas.

Reciclar na escola ten premio está impulsado pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, en colaboración con Teimas Desenvolvemento. Na campaña colaboraron PMA Nutrigas e Compostela Inserta, que se encargaron de subministrar os contedores para realizar a recollida do aceite usado. Este traballo cos colexios para concienciar aos máis pequenos é unha das novidades da segunda fase da Tropa Verde, que botou a andar en marzo pasado e na que tamén colaboran asociacións veciñais, Urbaser e distintos establecementos comerciais.

Nova campaña nas escolas
Despois de recoller aceite usado, os centros educativos da cidade están chamados a participar nunha segunda campaña de Reciclar na escola ten premio, coa colaboración da Asociación Adén e do xestor de residuos Taxileón-Logiraes. Desta vez terán que recoller aparatos electrónicos,

Tropa Verde é un proxecto tecnolóxico e innovador desenvolvido por Teimas Desenvolvemento, que premia a conciencia ecolóxica da veciñanza. Os cidadáns inscritos na plataforma reciben puntos cada vez que fan accións responsables medioambientalmente, como depositar residuos nos lugares acaídos ou asistir a eventos de sustentabilidade. Eses puntos pódense trocar por distintos agasallos e premios que entregan os locais patrocinadores.

O proxecto púxose en marcha en maio de 2015. Neste tempo, preto de 2.000 cidadáns rexistráronse na plataforma, e conseguiuse a patrocinio de 115 establecementos do comercio e da hostalería compostelá. Outros datos que falan do éxito do programa son que, en menos dun ano, repartíronse 4.700 cheques e ofertáronse 1.500 recompensas por un valor de 12.000 euros.

Direccións relacionadas



Compartir: