CONSORCIO

Récord de inscrición no curso de posgrao de especialización orquestral, que permite ao alumnado formarse coa Real Filharmonía

26/05/2016 Xa rematado o prazo de inscrición para o novo período 2016-2017 do Curso Avanzado de Especialización Orquestral, rexistrouse un número de inscricións nunca antes alcanzado, o que constata o grande interese que suscita este curso entre os intérpretes noveis. Así, segundo os datos aportados pola Escola de Altos Estudos Musicais, un total de 155 rapaces e rapazas optan a algunha das 18 prazas ofertadas.

Do total, 34 persoas preséntanse para a especialidade de violín, para a que se ofrecen 6 prazas, 10 para viola (2 prazas), 16 para violoncello (2 prazas), 5 para contrabaixo (1 praza), 7 para óboe (1 praza), 23 para frauta (1 praza), 25 para clarinete (1 praza), 9 para fagot (1 praza), 10 para trompa (1 praza), 6 para trompeta (1 praza) e 10 para percusión (1 praza).

O Curso Avanzado de Especialización Orquestral impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, tocarán en concertos públicos dentro da programación A Escola na cidade.

Tal como indican dende a Escola, o éxito de curso reflíctese no feito de que boa parte dos alumnos de anteriores edicións xa lograron o seu obxectivo de integrase nunha orquestra profesional, tanto en agrupacións nacionais como doutros países.

Audición
Os 155 preseleccionados deberán realizar unha proba final, que terá lugar a finais de xuño. Consistirá nunha audición na que os candidatos terán que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.

Compartir: