TURISMO

Ábrese o prazo de inscrición para as persoas interesadas en ser Chaquetas Vermellas

26/05/2016 O servizo de Chaquetas Vermella volve este verán para prestar información básica nos principais puntos turísticos da cidade, como o Obradoiro, Praterías, Quintana e as principais rúas do Casco Histórico. Seleccionaranse 16 persoas voluntarias, que formarán oito parellas que se distribuirán en dous horarios, de 10:00 a 15:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e o coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, Javier Agrafojo presentaron no Pazo de Raxoi este novo servizo de Chaquetas Vermellas, organizado entre Turismo de Santiago e o Servizo de Participación e Integración Universitaria, e que ademais conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia.

O obxectivo do servizo de Chaquetas Vermellas é lograr a colaboración de persoas voluntarias na mellora da calidade da información e da atención a turistas, visitantes e persoas que fan o Camiño de Santiago, especialmente durante o mes das festas do Apóstolo, no que se produce unha grande afluencia turística a Santiago. Este ano, ademais, é previsible que aumente esta afluencia pola Ano Santo da Misericordia, que favorecerá un maior número de visitas á Catedral de Santiago e a súa contorna. Así, o servizo de Chaquetas Vermellas funcionará durante todo o mes de xullo.

As persoas voluntarias desenvolverán as seguintes tarefas: prestarán información turística básica nos principais puntos turísticos da cidade, como as prazas do Obradoiro, Praterías e Quintana, e principais rúas da cidade histórica: Carretas, rúa Nova, túa do Vilar...; informarán sobre o programa de festas do Apóstolo 2016 e colaborarán na xestión de fluxos nas rúas, para evitar a masificación e colapso do contorno da Catedral, suxerindo outros lugares a visitar, indicando onde se atopan os recursos turísticos, establecementos de hostalaría, medios de transporte...

Perfil e dietas
O perfil das persoas voluntarias que se buscan é: maiores de 18 anos; non é preciso que teñan formación académica, pero valorarase que teñan titulación; coñecemento da historia e recursos turísticos de Santiago; coñecementos de galego e castelán, nivel medio ou alto de inglés (aínda que non é excluínte), e valorarase calquera outro idioma que poidan aportar, especialmente alemán, francés, italiano, portugués; habilidades comunicativas, sociabilidade, capacidade de atención ao público e capacidade para traballar en equipo.

Turismo de Santiago dotará ás persoas voluntarias cunha cantidade en concepto de dietas destinadas aos gastos de manutención, por un valor de 23 euros diarios. Esta dieta outórgase ao abeiro do previsto na Lei de acción voluntaria de Galicia, como unha compensación dos gastos nos que incorran as persoas voluntarias no desenvolvemento do seu voluntariado. Cada persoa recibirá a cantidade de 23 euros multiplicada polo número exacto de días de colaboración.

Todas as persoas voluntarias obterán un certificado ao remate da súa colaboración. Nel constarán as tarefas realizadas, así como o número de horas de colaboración, o que pode ser interesante de cara ó seu CV, segundo se recolle na Lei de acción voluntaria de Galicia. Os certificados de colaboración serán expedidos pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria, previo informe favorable de Turismo de Santiago.

As persoas interesadas en participar no programa de voluntariado deberán dirixirse ao Servizo de Integración e Participación Universitaria da USC a través do correo sepiu.santiago@usc.es, achegando un CV persoal e unha carta de motivación. O prazo para envío de solicitudes remata o 17 de xuño.

Compartir: