SAÚDE

O Consello Municipal de Saúde aproba solicitarlle ao CHUS a creación dun equipo de atención ás persoas sen teito

26/05/2016 O Consello Municipal de Saúde reuniuse o pasado martes despois de terse constituído no mes de xaneiro e tras moitos anos sen estar operativo. Está formado por representantes dos catro grupos políticos en Raxoi, representantes do Consello de Relacións Veciñais, dos colexios profesionais de Medicina e Psicoloxía e da Área Sanitaria de Santiago de Compostela.

Entre os acordos adoptados destaca a solicitude á xerencia do CHUS da creación dun equipo específico para atender ás persoas sen teito. Súmase así a un acordo do último pleno municipal (o do mes de maio) e ás diferentes manifestacións, tanto de forma verbal como escrita, que dirixiu a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, á Xunta de Galicia e ao propio CHUS. O obxectivo pasa por "acadar unha coordinación entre as administracións autonómica e local para ofrecer asistencia a ese colectivo, como ocorre en Bilbao, Barcelona, Madrid ou outras cidades".

A proposta foi apoiada por todos os asistentes, agás o representante da administración sanitaria, área de saúde e xerencia de xestión integrada, que alegou falta de documentación, e polo Partido Popular, que se remitiu á resposta dada no pleno do mes de maio.

Plan Galego contra o Suicidio
O Consello Municipal de Saúde deu luz verde tamén á solicitude para a elaboración dun Plan Galego contra o Suicidio. Na xuntanza achegáronse datos concretos e alarmantes de mortes por suicidios en Galicia.

Na mesma sesión aprobouse tamén que o Sergas valore a ampliación do Hospital de Conxo para ubicar os servizos do Gil Casares cun dobre obxectivo: non perder os recursos asistenciais na cidade e evitar o peche de camas en verán.

Compartir: