DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O I Salón Caroutlet Motorocasión exhibirá 400 vehículos en oferta do 27 ao 29 de maio

23/05/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá o I Salón Caroutlet Motorocasión, acompañada do seu director, José Enrique Elvira. O evento celebrarase o venres 27, o sábado 28 e o domingo 29 no recinto feiral de Amio e acollerá nun mesmo espazo os coches de ocasión de toda a área de Santiago.

Esta mostra reunirá ata 400 coches de diferentes marcas nunha superficie total de 4.500 metros cadrados. A dinámica comercial da feira, onde cada día se renovarán os coches vendidos por outros, permite esta cantidade de unidades á venda.

As empresas presentes contarán coa súa rede comercial para asesorar e aclarar canto detalle requira das persoas interesadas e para detallar as condicións de venda e as ofertas que adoitan aplicarse neste tipo de certames. Marta Lois destacou a importancia de promocionar este tipo de eventos e engadiu que esta feira "permitirá aos e ás usuarias que desexen cambiar de vehículo, a posibilidade de facelo con mellores prezos, comparando diferentes marcas e co asesoramento das persoas profesionais neste ámbito. Permitirá que, o que normalmente temos que facer visitando concesionario a concesionario, o poidamos realizar un único fin de semana en un único espazo".

A feira estará aberta ao público o venres 27 dende as 16:00 horas ata as 21:00 e o sábado e domingo en horario ininterrompido dende as 11:00 ata as 20:00 horas. As entradas custan 2 euros e o acceso dos menores de 10 anos será gratuíto, existindo amplo aparcamento gratuíto no propio recinto feiral.

Crecemento do 14%
As vendas de coches usados en Galicia creceu un 14% tras este primeiro trimestre, segundo datos da Federación de Asociacións de Concesionarios de Automoción (FACONAUTO), mentres a nivel internacional aumentou nun 17%.

Compartir: