XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal duplica a partida para as bolsas de comedor escolar

20/05/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e a realización de actividades escolares. A partida para esas axudas será dun total de 360.000 euros. O alcalde salientou o incremento desta consignación, "que en 2015 era inicialmente de 135.000 euros e que o actual Executivo incrementou ata os 170.000". Ademais, Martiño Noriega explicou que, por vez primeira, concederanse axudas para a compra de material e para actividades extraescolares.

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou o programa de verán da Concellaría de Mocidade Campamento Ondiñas Surf Camp. Trátase dun programa que se desenvolverá do 11 ao 18 de xullo no Morrazo, no que poderán participar rapaces de 14 a 17 anos. O investimento será de 7.935 euros, se ben o Concello ingresará 3.000 euros polos prezos públicos das actividades.

En materia de subvencións, o Executivo local deulle hoxe luz verde a dúas: unha subvención nominativa á Asociación Cultural Cidade Vella por importe de 28.190 euros, e outra á Asociación Cultural Correlingua, por 2.500 euros. Tamén se acordou solicitarlle unha axuda á Xunta de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego e en formato físico, para as bibliotecas da rede de centros socioculturais.

A Xunta de Goberno acordou a convocatoria do IV Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, ao que poden concorrer profesionais do deseño e da comunicación ou titulares de empresas asentadas en Santiago. Haberá dous premios, cada un de 5.000 euros.Por último, na reunión de hoxe deuse conta do veredicto do xurado do IX Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. Os gañadores foron os gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi, por un traballo que leva por título O último día.

Documentos relacionados



Compartir: