XUNTA DE GOBERNO

O Concello de Santiago avanza cara a municipalización da ORA e do guindastre

20/05/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe solicitarlle á empresa Tussa un estudo sobre a viabilidade de asumir a xestión directa da ORA e do guindastre. Trátase dun novo paso de cara á municipalización deses servizos públicos, despois de que os informes económicos e xurídicos encargados polo Executivo local avalaran esa posibilidade.

O alcalde lembrou que a concesión da ORA e do guindastre foi anulada en outubro por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Goberno local optou por estudar a vía da municipalización e encargou os informes económicos e xurídicos necesarios. A maiores, modificou o obxecto social da sociedade mercantil Tussa, para que puidera prestar os servizos. Neste tempo, foi preciso prorrogar o contrato coa empresa adxudicataria, Setex Aparqui, para garantir o mantemento do servizo. A prórroga actual remata a finais de xullo.

Martiño Noriega apuntou que, unha vez Tussa elabore o informe que lle foi encargado hoxe, será o seu Consello de Administración o que acepte a encomenda de prestar eses servizos. A municipalización terá que ser sometida despois ao pleno da Corporación.

Informes favorables á municipalización
O alcalde incidiu en que o informe económico, elaborado pola consultora Faura-Casas, defende que "a ORA e o guindastre son uns servizos con equilibrio entre ingresos e gastos, e mesmo rendibles". De feito, o estudo sinala que, salvo no escenario máis pesimista, xeraríanse ingresos suficientes para financiar futuros investimentos. Martiño Noriega aclarou que os informes sinalan que a maquinaria coa que presta o servizo Setex Aparqui é propiedade do Concello, se ben advertiu que a empresa podería litixiar ao respecto durante o proceso de liquidación.

En canto ao persoal, o informe xurídico avala a posibilidade de subrogar os traballadores de Setex Aparqui, que pasarían a ser "persoal indefinido non fixo" de Tussa. O alcalde insistiu en que se vai garantir que "este proceso non sexa unha entrada de traballadores municipais pola porta de atrás", polo que, tal e como sinala o informe, "se regulará a súa situación a través dos correspondentes procesos selectivos nos que se respecten os principios de igualdade, mérito e capacidade". Martiño Noriega aclarou que o Goberno vén mantendo múltiples contactos cos sindicatos, e seguirá habendo reunións para informar deste proceso.

O rexedor reiterou que "somos conscientes das complicacións que pode ter prestar un servizo de maneira directa", pero amosouse convencido dos beneficios que terá a xestión municipal da ORA e do guindastre.

Documentos relacionados



Compartir: