ACCIÓN CULTURAL

Chega a Compostela "Mi relación con la comida", de Angélica Liddell, protagonizada por Esperanza Pedreño

18/05/2016 Premio SGAE de teatro 2004, e Premio do Público na última edición da Feria Internacional de Teatro y Danza de Huesca, Mi relación con la comida é un lúcido manifesto artístico e un visionario diagnóstico "da mentira de España" de Angélica Liddell. Poderemos velo en Compostela este xoves e de novo o venres, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, protagonizado por Esperanza Pedreño.

Dende novembro do 2014 nos escenarios madrileños, Esperanza Pedreño chegou a Barcelona en xuño de 2015 e agora está de xira por todo o Estado. Un monólogo, unha interpretación persoal, un traballo magnético que sitúa ao teatro no incómodo lugar da verdade e que chega avalada polas mellores críticas especializadas. Deste xeito, dende o risco como máxima, Mi relación con la comida convértese nun espectáculo que atrapa e consegue que o espectador asista a unha hora e media de representación que voa ante a interpretación única de Esperanza Pedreño, que deixa a pel de actriz sobre o escenario para que cando se peche o telón imaxinario, un sinta a retroalimentación do fermoso exercicio de asistir ao teatro. Pero xunto á aposta a todo polo teatro, hai un traballo e un resultado final que recolle os froitos das mellores opinión tanto do público como da crítica.

Examinada polo poder, a autora, Angélica Liddell, traza un riquísimo e estremecedor panorama social e desde as tripas vitais, entrega un panóptico do "España vai ben", a da longa e non superada ditadura fascista, a do poder económico aliado co relixioso, da vida cotiá dos pobres e empobrecidos, da especulación e as estafas do consumismo, o arribismo, a cultura e a fame. Trátase dun dos poucos textos que a propia autora non quixo interpretar e nel inclúe a síntese da súa poesía dramática.

Distinción de clases, economía, política, igrexa, relixión, filosofía, poesía e arte sustentan o discurso dunha nova e consciente artista. Un discurso corrosivo e incómodo, un vómito lanzado a un patio de butacas que se ve forzado a xirar a cara ou a aguantar o chaparrón. O feito de que o texto non se deteña a buscar a compracencia do espectador é un dos seus puntos fortes e o que máis lle confire o seu carácter rompedor. Nos seus cuestionamentos sobre a idiosincrasia española e o xeito de entender o feito teatral o público remata secuestrado, intimidade e enfrontado.

Entradas
As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 h, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443. Teñen un prezo de 8 euros, 4 euros cos descontos habituais (estudantes, xubilados, menores de 25 anos, maiores de 65 anos, desempregados, familias numerosas, familias monoparentais e perceptores de rendas sociais).

Direccións relacionadas



Compartir: