DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Concello de Santiago únese á campaña "Quere o teu mercado" para promocionar o atractivo da Praza de Abastos

18/05/2016 O Concello de Santiago adheriuse á campaña Quere o teu mercado, o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos, prazas de abastos e federacións e asociacións de comerciantes.

O obxectivo da campaña pasa por destacar o papel dos mercados nas cidades e por potenciar a compra do produto local. Durante a segunda quincena do mes de maio organizaranse actividades en máis de 50 mercados de Galicia distribuídos por todo o territorio, co obxectivo de visualizar, promocionar e activar os mercados das cidades adheridas. Así, incentivarase a creación de novos negocios para a revitalización deste sector do comercio.

A Praza de Abastos de Santiago acollerá ata o 30 de maio varias actividades, entre as que se atopan o reparto de mandís a todos os comerciantes da Praza, e de bolsos, globos e piruletas a todos os clientes os sábados 21 e 28 de maio, ata esgotar existencias.

Ademais celebraranse dous talleres de cociña de aproveitamento do produto de tempada os días 21 e 26 de maio, en horario de 11:00 a 14:00 horas. O aforo está limitado a 30 persoas. Para participar é preciso inscribirse mandando un correo electrónico a administracion@mercadodeabastosdesantiago.org.

Direccións relacionadas



Compartir: