EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Unha xornada de contos e música clausurou a XVI Campaña de Animación á Lectura

14/05/2016 A Galería Sargadelos acolleu unha sesión moi especial de contos e música que serviu para clausurar a XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura, na que participaron máis de 5.000 escolares.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, sumouse a esta sesión de Contos para despois da chuvia. Estivo acompañado de membros da editorial Kalandraka e de técnicos do seu Departamento, ademais dos ilustradores Xosé Cobas e Pablo Otero, do músico Paco Nogueira e dos contadores de contos Patricia e Alex.

Unha vez máis, nenos e nenas e as súas familias encheron as diferentes salas da Galería Sargadelos, onde ao longo dos case dous meses de duración desta edición da Campaña, gozaron con diferentes actividades e propostas para achegar a lectura e a escritura aos composteláns máis novos. Nun clima motivador que favoreceu a escoita e o poder da palabra, puideron apreciar as diferentes producións plásticas, literarias e musicais acolleu a Galería.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura, que levou por título Contos para despois da chuvia, estivo baseada no traballo de Miguel Cerro (España), que resultou gañador do VIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado polo Departamento de Educación e Cidadanía e a Editorial Kalandraka.

Esta iniciativa, que xa vai pola súa XVI Edición, desenvolveuse dende o 1 de abril e comprendeu un conxunto de iniciativas en prol da animación á lectura para as familias, o profesorado e os nenos e as nenas de Santiago.

Novas sesións para bebés
Ao remate da xornada de clausura, o concelleiro de Educación anunciou que, malia ter rematada a XVI edición da Campaña de Animación á Lectura, e tendo en conta as peticións de moitas familias para poder asistir á actividade Do berce á lúa: sesións de contos para bebés, aínda con listas de agarda, se realizarán dúas sesións máis. Será o sábado 21 de maio, ás 11:30 e ás 12:30 horas.

Poderán asistir as familias que xa teñen feita a súa reserva, e outras que aínda desexen asistir. Para estas últimas, é necesario, como nas ocasións precedentes, que reserven a súa participación no Departamento de Educación e Cidadanía, ao longo desta próxima semana, no teléfono 981 554 400 ou a través do correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Compartir: