EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Aberta a inscrición no Programa de Conciliación de Verán

13/05/2016 O vindeiro luns, 16 de maio, a Concellaría de Educación e Cidanía abrirá o prazo inscrición e matrícula no Programa Municipal de Conciliación para o Verán 2016, que se desenvolverá no período das vacacións (xuño, xullo e setembro) nas instalacións dos CEIPs As Fontiñas e Raíña Fabiola. O prazo de matrícula estará aberto ata o martes 31 de maio.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta das características deste programa de conciliación laboral e familiar, que estará en marcha no período das vacacións do verán 2016, isto é, nos meses de xuño (23, 27, 28, 29, e 30), xullo (do 1 ao 31, agás sábados, domingos e festivos) e setembro (días 1, 2, 5, 6, 7, 8 e 9). O programa está dirixido a nenos e nenas que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago, con idades entre os 3 e os 12 anos.

O horario será de 9:00 a 14:00 horas, con posibilidade de que as familias poidan solicitar ademais un servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e un servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas). O número de prazas non está pechado e dependerá da demanda existente, pero o Departamento ten feito unha estimación en relación ao que adoita acontecer outros anos. En xuño e setembro haberá 60 prazas para as actividades e obradoiros, 30 para o servizo de madrugadores e outras 30 para o servizo de comedor. En xullo increméntanse a 80 as prazas para actividades e obradoiros, 40 para o servizo de madrugadores e 40 para o de comedor.

Inscrición e matrícula
O luns 16 abrirase o prazo de inscrición e matrícula, que estará habilitado ata o 31 de maio. Os e as solicitantes deberán cubrir a folla de matrícula e entregala no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar no CSC do Ensanche. Xunto co impreso deberán achegar o xustificante de pagamento na conta bancaria municipal en ABANCA ES89 2080 0388 2031 1000 2662. Deberán indicar o nome e os apelidos do neno/a solicitante, da persoa que realiza o pagamento e da modalidade escollida.

Prezos
Haberá un desconto do 20% para quen acredite ser familia monoparental, numerosa e cando participen dous irmáns no programa. Tamén se contempla unha redución do prezo do 50% ou do 100% para aquelas familias con escasos recursos, previo informe do Departamento de Políticas Sociais.

Máis información nesta web, no enderezo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal e no teléfono 981 554 400.

Compartir: