FACENDA

Este venres remata o prazo para cubrir a enquisa dos orzamentos participativos

11/05/2016 O Concello de Santiago puxo en marcha a finais do pasado mes unha enquisa para delimitar barrios e parroquias que a veciñanza pode cubrir ata este venres. A enquisa servirá para delimitar os barrios e as parroquias da cidade para crear entre 5 e 8 distritos

O habitual en cidades españolas do noso tamaño é que haxa entre 5 e 8 distritos, de entre 9.000 e 21.000 habitantes cada un. Hai criterios urbanísticos, demográficos e socioeconómicos para definilos, pero ninguén mellor que a propia veciñanza, os habitantes de Compostela, para decidir cales son os barrios, ata onde chegan e con cales outros barrios próximos se relacionan máis. Por iso, ata o 13 de maio está aberta unha enquisa en decide.santiagodecompostela.gal para ir elaborando ese mapa de barrios.

Unha vez que se teña cuberta esta enquisa poderase iniciar o vindeiro mes o proceso de orzamentos participativos, tras propoñelo o mes de febreiro no Consello de Relacións Veciñais. Cada unha das zonas vai contar cun orzamento, para o que a cidadanía decidirá cal é o seu destino. Os resultados da enquisa faranse públicos a finais de maio e serán utilizados xunto cos datos técnicos para definir os distritos de participación cidadá. Nos distritos que se consideren máis acaídos desenvolveranse os OP de forma presencial, cubrindo como mínimo un terzo da poboación da cidade (incluíndo unha parte do rural) mentres que no resto a participación será de forma telemática.

A concelleira de Facenda, María Rozas, lembrou que "os orzamentos participativos son unha ferramenta de corresponsabilidade e de codecisión, que permitirán á cidadanía de Compostela tomar as decisións sobre onde destinar unha parte do orzamento municipal".

Partirase dun orzamento mínimo inicial de 1.100.000 euros, un millón do capítulo 6 (investimentos reais) e 100.000 euros para actividades de mocidade, continuando co proxecto iniciado o ano pasado. A cantidade final ampliarase ou non en función dos recursos dos que dispoña o Concello a final de ano e dos debates de ordenanzas e de orzamentos cos partidos políticos.

Piloto na área de Mocidade
Durante o ano 2015 desenvolveuse un piloto de orzamentos participativos na área de Mocidade, que serviu para testar as ferramentas de participación da cidade. Formaron parte del máis de 200 mozos e mozas, tanto de forma presencial como telemática, e configurouse un grupo motor formado por aproximadamente 20 rapaces e rapazas.

Nese proceso, as cinco primeiras propostas recibiron máis de 200 puntos, sendo a primeira "Cine ao aire libre nos barrios do Concello: proxección de filmes temáticos que fomenten o pensamento crítico e a educación en valores e encontros cinéfilos", que recibiu 274,74 puntos.

"Violencia de xénero: formación e actividades de concienciación e sensibilización co alumnado dos institutos" foi a proposta que obtivo a segunda mellor puntuación, con 271,95 puntos. A votación fíxose de forma presencial, en tres furnas e mediante internet.

O máis destacado do proceso, que foi avaliado polo Grupo Motor e polos técnicos municipais para achegar propostas de mellora, radica na transversalidade das actividades, que non só están relacionadas co área de Mocidade senón que se interrelacionan con outras como Medio Ambiente ou Políticas Sociais.

Compartir: