ALCALDÍA

O alcalde confía en pechar o convenio da intermodal na próxima semana

11/05/2016 O alcalde amosouse hoxe optimista con respecto ao proxecto da intermodal, e mostrou a súa confianza en que o convenio entre as tres administracións implicadas quede pechado na próxima semana. Martiño Noriega adiantou que para o próximo mércores está prevista unha nova reunión en Madrid, na que se analizará o texto definitivo, ao que o Concello de Santiago aportou algunhas correccións de carácter técnico e formal.

O alcalde explicou que o borrador do convenio da intermodal foi remitido polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) a última hora da mañá do pasado venres. Desde entón, foi analizado polos responsables municipais, que consideraron necesario introducir algunhas matizacións para mellorar o texto, pero que non lle afectan ao fondo. O rexedor recoñeceu que "o Goberno local está satisfeito co horizonte que se presenta para esta infraestrutura, desbloqueada nun momento moi complexo e tendo un Goberno estatal en funcións". Martiño Noriega tamén entende que "nas últimas semanas avanzouse moito na coordinación entre as administracións implicadas, fundamentalmente entre o Concello e a Xunta".

O rexedor municipal explicou que o Concello "tivo unha posición moi proactiva nas negociacións, nas que se partiu unicamente dunha solución ferroviaria que non tiña en conta a conexión peonil coa zona de Brañas de Sar e Pontepedriña". O Goberno compostelán sempre defendeu que o deseño da intermodal "tiña que beber do proxecto de Herreros que gañou un concurso de ideas, e de feito o proxecto no que se está traballando leva a mesma sinatura". Tamén salientou Martiño Noriega que, finalmente, o aproveitamento urbanístico vinculado á intermodal "será dun 10% do previsto no convenio asinado en 2009".

Compartir: