ACCIÓN CULTURAL

Aline Frazão presenta en Compostela o seu novo traballo, "Insular"

11/05/2016 Aline Frazão (Luanda, 1988) é un dos nomes destacados da nova xeración de músicos angolanos. Cantante, compositora, guitarrista e produtora, naceu e creceu en Luanda e reside actualmente en Lisboa. Mañá chega a Compostela para presentarnos o seu último traballo, Insular. Será no Teatro Principal, ás 20:30 horas. As entradas teñen un prezo de 12 euros (6 € cos descontos habituais) e poden mercarse na billeteira do Principal, no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

En 2011, Aline Frazão lanza o seu primeiro álbum, Clave Bantu, construído sobre un repertorio da súa propia autoría. Gravado en Santiago de Compostela, conta con dúas colaboracións inéditas dos escritores angolanos José Eduardo Agualusa e Ondjaki.

Movimento, editado en 2013, é o seu segundo disco. É a propia Aline quen asume novamente a composición e a produción musical da maior parte dos temas. Editado en Portugal por PontoZurca e distribuído no resto de Europa por Coast Company, o traballo foi presentado en Luanda e lanzou o nome de Aline ao circuíto internacional, levándolle a pisar os máis diversos palcos en Kenia, Etiopía, Tanzania, Cabo Verde, Brasil, Portugal, Alemaña, Austria, Suíza e Noruega.

Aline Frazão acaba de editar en Portugal e Angola o seu novo disco, Insular. Gravado na pequena illa escocesa de Jura, o traballo conta coa produción do británico Giles Perring e coa decisiva participación do guitarrista portugués Pedro Geraldes (Linda Martini). O disco integra ademais novas colaboracións coa rapeira portuguesa Capicua e coa poeta angolana Ana Paula Tavares.

Insular representa a viaxe de Aline Frazão cara a unha sonoridade máis eléctrica e atmosférica, sen perder o contacto estreito coa palabra. As cores do Norte e do Sur altérnanse nun camiño de ida e volta que se pecha cunha versión do mítico "Susana", de Rosita Palma, que conta coa participación especial do guitarrista Toty Sa’Med.

Este traballo foi lanzado en Luanda o 31 de outubro de 2015 e chegou ás tendas de Portugal o 20 de novembro, editado baixo o selo NorteSul. O álbum está a ter agora o seu lanzamento internacional.

Compartir: