IGUALDADE

Últimos dous días para preinscribirse no Verán CampUSC 2016

10/05/2016 Este mércores, 11 de maio, remata o prazo de inscrición no Verán CampUSC 2016. O venres 13 de maio publicaranse as listas de admitidos e admitidas en cada quenda na web da Fundación USC Deportiva e no seu taboleiro de anuncios. A preinscrición pode realizarase cubrindo o cuestionario establecido a tal efecto na páxina web da Fundación.

Os admitidos e admitidas no período de preinscrición poderán formalizar a súa praza efectuando o pagamento dende o momento da publicación das listas ata o 29 de maio. No caso de que o número de preinscricións de comunidade universitaria nalgunha quenda fose inferior a 70, ou inferior a 30 no caso do público xeral, quedará aberto tamén neste momento o prazo de inscrición para quen non teña feita preinscrición, ata cubrir as prazas vacantes.

O 30 de maio comunicarase a través da web en que quendas quedan prazas dispoñibles. A partir dese momento as prazas, abertas a todos os públicos, iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición.

As persoas inicialmente admitidas no período de preinscrición que non formalicen a praza antes do 29 de maio, perderán a súa reserva de praza e só poderán inscribirse posteriormente no caso de que aínda houbera prazas libres.

Pola igualdade
O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Igualdade, colabora por primeira vez coa Fundación USC Deportiva e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC neste programa, concibido como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer, desenvolvida no período de verán, que permitirá a pais e nais traballadores da USC conciliar a vida laboral e familiar neste período, así como aquelas persoas que aínda non tendo vinculación coa comunidade universitaria precisen desta actividade de conciliación.

Amosaráselle ás nenas e nenos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes, atendendo as súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. A práctica de actividades físico-deportivas non é boa só a nivel de saúde, senón tamén para inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas que sen dúbida resultarán de utilidade para a vida cotiá. O programa está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos.

A colaboración do Concello neste programa ten o obxectivo de promover a igualdade de xénero en Compostela. Para iso haberá tres eixos fundamentais, como son a conciliación da vida laboral e familiar a través dunha achega económica para a realización dun campamento de verán que dende hai anos vén organizando a USC; en segundo lugar, visibilizar as mulleres na ciencia combatendo os estereotipos de xénero e a segregación horizontal e, por último, o apoio dos estudos universitarios en materia de igualdade de xénero.

Máis prazas e menor custo
Esta participación do Concello de Santiago plásmase a través dunha achega económica que permitirá ampliar de 360 a 500 as prazas ofertadas, das cales 150 estarán reservadas a nenos e nenas que non teñen vinculación coa USC. Ademais, amplíase o horario ata as 14:45 horas para dar resposta así ás dificultades de conciliación doutros anos. Así, o programa terá lugar de 08:45 a 14:45 horas en 5 quendas, a razón de 100 prazas por cada unha: do 23 de xuño ao 1 de xullo, do 4 ao 15 de xullo, do 18 ao 22 de xullo, do 26 ao 29 de xullo e do 1 ao 9 de setembro.

Direccións relacionadas



Compartir: